Seara demanda ao PP que deixe de tratar aos pensionistas emigrantes retornados “coma se fosen delincuentes”

20/02/2014
By

O PP volveu a rexeitar hoxe no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei do PSOE que foi defendida pola deputada socialista por Ourense, Laura Seara, para que o Goberno central regularizase “a situación dos pensionistas emigrantes retornados, sen consideralos como defraudadores fiscais” e que contemplaba medidas como períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

A deputada lamenta que, “de xeito sistemático, o PP rexeita en Madrid as iniciativas que lle presentamos desde a oposición para dar unha solución xusta ao colectivo de pensionistas emigrantes que voltaron ao noso país, en moitos casos tras un exilio económico ou político, e que non merecen este trato por parte do Goberno”

O PP xa rexeitou no Pleno do Congreso outra Proposición non de Lei do PSOE na que os socialistas pedíamos medidas para a regularización fiscal deste colectivo, entre as que se incluía a pechadura dos expedientes sancionadores e o establecemento de liñas de financiamento ICO. Ademais, tanto os deputados no Congreso como os senadores socialistas galegos, teñen planteadas ao Goberno central baterías de preguntas orais en Pleno, interpelacións e moción, para que o Goberno habilite unha solución.

Con todo, a deputada socialista sinalou hoxe, durante a súa intervención no debate, que “o PP en Galicia votou recentemente a favor dunha iniciativa similar ás que nos rexeitan aquí”. Por iso, pediu ao PP que se aclare “dunha vez, e deixen de votar unha cousa en Galicia e outra en Madrid”, que “rematen cos dobres discursos e as mascaradas”, e que o Goberno central “cese con esta ofensiva e estratexia planificada de persecución aos máis débiles, mentres se ten amnistiado a verdadeiros defraudadores fiscais”.

Neste senso, Seara incidiu en que nunca se informou a este colectivo de que tiñan o deber de tributar polas pensións recibidas no estranxeiro, e agora, no canto de informarlles, “ábrenlles directamente un expediente, ata no caso de pensións percibidas en países cos que se manteñen convenios bilaterais dende os anos ‘60 e ‘70”, cando “estas pensións nin sequera aparecían para tributar nos borradores de declaración que recibían de Facenda”, segundo remarcou.

A compañeira explicou aos deputados que se trata, en moitos casos, e “sobre todo en Galicia, de pensións moi baixas e de persoas que non son defraudadores”. Porén, lamentou que estean a recibir requerimentos “ata familiares de emigrantes falecidos ou persoas con pensións de invalidez ou incapacidade”; asegurando que “por parte destas persoas, non hai culpa, non hai dolo e nin sequera hai neglixencia, e o que se atopan é co afán recadatorio e a mala fe do Goberno”.

Tódolos grupos políticos, agás o PP, apoiaron a iniciativa socialista. “Unha vez máis, o PP quédase só, impoñendo a súa maioría e gobernando contra todos”,reprobou Seara.

Tags: , , , , , , ,