Seara pide ao Goberno central medidas para para-la escalada da tarifa eléctrica para os regantes d’A Limia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, pediu hoxe ao Goberno central “que paralice inmediatamente a escalada da tarifa eléctrica de regadío, que está a causar inmensas dificultades aos regantes d’A Limia”, solicitando “medidas para establecer tarifas de acceso eléctricas nas explotacións de regadío d’A Limia que se axusten á peculiaridade do seu consumo estacional e que sexan máis baratas que as actuais”.

Seara denuncia que só a subida dos custos regulados, fixados na orde IET/1491/2013, de 1 de agosto, supuxo un aumento do término de potencia dun 112% para os custos fixos do regadío. Iso, sumado ás subas anteriores, vai a supoñer para moitas zonas regables, un incremento superior ao 1000% por este concepto de custo regulado, que debe paga-lo agricultor, utilice ou non os motores.

A compañeira mostra a súa “enorme preocupación ante a presión do incremento de custos de produción deste sector”, situación que vén de ser denunciada tamén polas organizacións profesionais agrarias e polas entidades representativas das comunidades regantes. Xa que logo, reclama que o Goberno central adopte “medidas inmediatas para evita-la perda de competitividade da agricultura de regadío, moito máis nunha comarca como A Limia, que é un dos eixos agrícolas máis importantes de Galicia”. Nese senso, engade que “é necesaria a implicación do Goberno para evita-la permanente perda de competitividade e o abandono de explotacións”.

A deputada sinala que “unha hectárea de regadío xera ata cincuenta veces máis emprego, produce seis veces máis, e xera unha renda catro veces maior, ca unha de secano”. Isto supón que “a transformación en regadío de toda ou parte da súa explotación é a única saída rendible para miles de agricultores”.

Seara lembra tamén que o PSOE rexistrou unha Proposición non de Lei para o seu debate en comisión, na que se pide aplicar un IVE reducido ás Comunidades de regantes “na mesma liña que a establecida en Italia para as instalacións de rego e drenaxe”. Os socialistas tamén propoñemos medidas como que se fomente o establecemento dos contratos de tempada, eliminando as penalizacións actuais; e que se aprobe un plan de fomento para que as comunidades de regantes e explotacións de regadío poidan consumir a enerxía eléctrica que elas mesmas produzan.

Pola súa banda, Seara tamén solicitou, na correspondente iniciativas parlamentaria, que a Confederación Hidrogáfica Miño-Sil realice os oportunos labores de limpeza tralos recentes temporais, que afectaron tamén á comarca d’A Limia, polos escombros e arrastres producidos, que están causando danos ás explotacións agrarias.

Tags: , , , , , , , ,