Seara denuncia que no último curso se denegaron en Ourense máis do dobre de bolsas que no anterior

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, recibiu unha resposta parlamentaria na que o Goberno central recoñece que o curso escolar pasado denegou na provincia máis do dobre de bolsas para estudios non universitarios que no anterior.

Así, no 2011/2012 o Goberno denegou en Ourense 654 bolsas non universitarias, dato que se duplicou con fartura no curso 2012/2013, ata alcanza-las 1408 bolsas denegadas.

A deputada incide en que “a educación é un dereito esencial para os cidadáns, e por iso o Estado debe garantir o acceso á mesma en condicións de igualdade de oportunidades”, co que, sinala “as bolsas non son un premio á excelencia académica, senón un instrumento para facer efectivo o dereito á igualdade no acceso á educación que establece a Constitución”, polo que lamenta “a nefasta política educativa do Goberno do PP”, que “impuxo unha lei ideolóxica e segregadora que impón barreiras económicas que converten a educación nunha mera mercadoría que só obterá quen poida pagala”.

A compañeira lembra que “en dous anos no goberno, o PP está a esnaquiza-lo sistema educativo público, de calidade, universal e gratuíto, defendido polos Gobernos do PSOE e que alcanzaramos en España co esforzo de todos”.

Así, critica que, só neste curso, o PP retallou o orzamento para educación nun 21%, o que se engade ao recorte do curso anterior, de xeito que, dende que o PP goberna o Estado, o orzamento en educación reduciuse en máis de 5200 millóns de euros.

Voltando ás bolsas, a deputada denuncia tamén o retallo realizado polo PP a nivel estatal (reduciu o orzamento para este curso nun 14% en relación ao que deixamos os socialistas no 2011). A iso engádese -indica Seara-, o retallo de profesores, de xeito que hai 30 000 menos no ensino público dende que o PP goberna o Estado. “O que si fixo Rajoy“ -di a compañeira- foi subir do 4% ao 21% o IVE do material escolar, e endurece-los requisitos para ter unha bolsa, que deixou de ser un dereito”.

A deputada defendeu, ademais, a necesidade dun Plan de apoio á escola rural, pois considera que “é a que fai posíbel o dereito á educación en gran parte do territorio”.

Respecto aos datos sobre bolsas para mobilidadou, Seara sinala “a escasa fiabilidade do Goberno e do Ministro Wert respecto das bolsas Erasmus, que levou ata a que a UE desmentise oficialmente o enorme engano do Goberno do PP sobre a suposta diminución do diñeiro que a mesma destina a España”.

Tags: , , , , , ,