O PSdeG na Deputación de Ourense espera que se dean máis pasos nas imputacións no caso DAREDO/DEPUTRANS

O voceiro socialista na Deputación Provincial, Ignacio Gómez, congratúlase de que dito caso se reabra, logo de ter acudido o Grupo Provincial Socialista ao xulgado para facer entrega de toda a documentación ao respecto da que dispoñía.

Dende o respecto total a Xustiza, e aos pasos que esta dea sobre o caso DAREDO/DEPUTRANS, o voceiro do Grupo Socialista na Deputación agarda que as imputacións que se realicen non fiquen só no ámbito técnico, senón que se vaia máis aló, e afecten a todos aqueles foron actores neste proceso.

Estes expedientes contaron sempre co respaldo político dos que eran Presidente e Vicepresidente da Deputación naqueles intres: José Luis Baltar e Rogelio Martínez. Estes feitos quedan demostrados polas sinaturas que aparecen en toda a documentación, que no seu momento os socialistas aportamos ó xulgado e a Fiscalía, e pola xestións realizadas polos mesmos ante os concellos para que fosen instaladas as depuradoras.

O Grupo Socialista leva dez anos denunciando politicamente estes feitos, e cre que a responsabilidade desta nefasta xestión dos fondos europeos ten uns responsables, que son os políticos que estiveron ó fronte de ditos Plans.

Sen pretender inmiscuirnos no proceso xudicial que está dando comezo, logo da nosa denuncia, esperamos que este non sexa máis que un primeiro paso para que pasen a declara-los responsables políticos: Jose Luis Baltar e Rogelio Martínez.

Tags: , , , , , , ,