Seara lamenta que xa hai na provincia máis de 4700 persoas afectadas polos EREs nos dous últimos anos

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, acaba de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central na que se contempla que os EREs levados a cabo na provincia no 2012 e ata agosto do 2013 afectaron a 4700 traballadores.

Destes afectados, cáseque 3300 perderon o seu emprego por suspensión de contrato, e outros case cincocentos sufriron un despedimento colectivo. O resto, uns novecentos, viron reducida a súa xornada.

A resposta recolle, ademais, que nestes dous últimos anos son xa 314 empresas na provincia que se viron afectadas por expedientes de regulación de emprego.

Seara lamenta estas cifras e critica que “esto non é senón o resultado da nefasta política laboral do Goberno do PP de Mariano Rajoy”.

Así, apunta que dende que goberna o PP destruíronse no Estado Español un millón de empregos, e os cotizantes á Seguridade Social caeron en máis de novecentos mil. A ministra Báñez vén de presentar no Congreso, segundo lembrou a compañeira, un Real Decreto-Lei que supón “a terceira reforma laboral” do Goberno central, que non é máis que “outra nova volta de ozca contra os dereitos dos traballadores” nas “erróneas reformas laborais” dese Goberno, que provocaron, en verbas da deputada, “unha continua sangría no emprego, a precarización do mercado laboral e unha depreciación salarial sen precedentes”, cunha “destrución de emprego masiva: máis do 25% da poboación activa está en paro, nin máis nin menos que preto de 6 millóns de persoas”.

Así mesmo, Seara critica que “o Goberno acompañou as súas dañiñas reformas laborais con retallos sociais que deixan nunha total indefensión aos cidadáns que quedan en paro”. Así, segundo lembra a compañeira, “de seis millóns de parados, máis de tres non teñen ningún tipo de protección, e a cobertura ao desemprego apenas acada o 60% dos parados rexistrados; o desemprego de longa duración incrementouse do 19% ao 50% e os mozos sofren taxas de paro superiores ao 55%”.

Tags: , , , ,