Seara esixe ao Goberno central unha resposta inmediata ante o incremento de máis do 50% nos roubos no rural ourensán

22/01/2014
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara esixe ao Goberno central que ofreza, de xeito inmediato, unha solución ante o importante incremento dos roubos nas explotacións agrícolas e gandeiras da nosa provincia.

Así, sinala que, nos últimos catro anos, o número de roubos e furtos no medio rural da provincia, aumentou de 27 a 68, o que a nivel porcentual supón máis dun 50%.

Apunta, ademáis, que “se está a producir unha situación descoñecida ata o de agora, e é que se rouba de todo: produción agrícola, animais vivos, material de rego, gasóleo, e ata ferramentas”, creando unha situación que cualifica de “grave” e que provoca “indignación, ata medo, nas persoas que desenvolven a súa actividade no medio rural ourensán”

Para a deputada, “este é un grave problema de seguridade, e un problema económico que está poñendo en risco a economía de moitas explotacións agrícolas e gandeiras”. Ademais, incide en que “tamén é un problema de seguridade alimentaria que hai que atender, porque a produción que se rouba está sendo vendida en mercados e feiras, en moitos casos sen estar sometida a control”.

A compañeira constata que o Goberno do PP, malia estar “moi obsesionado coa orde pública”, é “moi pouco traballador coa seguridade cidadá; que son cousas moi diferentes”.

Asemade, denuncia que “o PP ten absolutamente abandonado o medio rural: eliminou todos os créditos para o desenvolvemento rural, está poñendo en risco o financiamento europeo para programas de desenvolvemento específico, e está a eliminar servizos básicos esenciais, como médicos, mestres e transporte”.

Seara engade que “o PP ten que deixar de ver ao medio rural como un simple celeiro de votos e habilitar solucións”.

Neste senso, lembra que o PSOE ten presentada no Congreso unha Proposición non de Lei coa que os socialistas pedimos máis gardas civís e máis servizo público de seguridade no medio rural, á vez que suscitamos un novo sistema e un novo plan de seguridade para o medio rural, participativo e aberto aos implicados. Tamén temos solicitado vixilancia específica, cun plan de intervencións periódicas de inspección para comproba-la venda de produtos do campo e material, así como incluí-lo risco de roubos en explotacións agrarias no Plan Nacional de Seguros Agrarios, para que as mesmas poidan ter acceso aos seguros subvencionados polo Ministerio.

Tags: , , , , ,