O incendio do Xurés evidencia a ausencia de planificación territorial e a inoperatividade da Xunta na loita contra o lume, incluso en inverno

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta o novo incendio producido no Parque Natural do Xurés, e pide “que o Goberno Central e a Xunta de Galicia aborden dunha vez un Plan de Recuperación Integral deste Parque, que está declarado como Lugar de Interese Comunitario” (LIC).

A deputada xa rexistrou en xuño do pasado ano no Congreso unha Proposición non de Lei neste senso, coincidindo con outro incendio que entón xa arrasara os montes do Parque Natural así como espazos do mesmo de gran interese paisaxístico e alto valor medioambiental.

Na devandita Proposición non de Lei, Seara solicitou “que o Goberno, de acordo coa Xunta de Galicia, dispoña dos medios técnicos, humanos e económicos necesarios para aborda-la recuperación integral do Parque Natural de Baixa Limia-Serra do Xurés”. Así mesmo, a Seara tamén presentou dende entón unha enmenda aos sucesivos Orzamentos Xerais do Estado para dotar económicamente con 350 000€ esta actuación; enmenda que foi rexeitada sistemáticamente polo PP.

Ante este novo incendio, a deputada ourensá apunta que “este Parque Natural, situado na provincia de Ourense, leva décadas sufrindo o lume e os efectos que este provoca, cada ano no inverno e no verán, deixando a estampa dun desastre ecolóxico cuxas consecuencias son graves tanto para o propio Parque Natural como para os homes e mulleres que o habitan”.

Por iso, incide en que “é absolutamente necesaria a urxente implicación do Goberno Central e da Xunta de Galicia nunha actuación de recuperación integral deste espazo natural, na que tamén deben colabora-los concellos implicados”

Así mesmo, a deputada critica o feito de que o goberno non lle respostase a diversas parlamentarias que ela realizou respecto ao convenio asinado entre Feijóo e Cañete no mes de maio do 2012, baixo a Lei 45/2007 para o Desenvolvemento Sostíbel do Medio Rural, que estableceu un calendario de tres anos co obxectivo de investir 170 millóns de euros en zonas depriminadas ou pouco desenvolvidas. “Unha das accións contempladas no devandito convenio é a de investimentos nos municipios da zona integrados na Reserva Mundial da Biosfera Xurés-Gerês (Lobios, Entrimo, Muiños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande), por un total de 1 500 000 euros”, hembra Seara para engadir que o Goberno debe respostar sobre qué actuacións se desenvolveron con cargo a esta partida.

Apunta a compañeira que “o do Xurés non é castigo dos deuses; arde cada ano porque se cometen os mesmos erros cada ano: non se fan tarefas de prevención e non se apoian nin se desenvolven as accións previstas para o Parque e para as poboacións que están dentro do Parque”. “O Goberno non pode mirar para outro lado ante un Parque Natural que é reserva da biosfera transfronteriza xunto ao Parque Nacional Peneda Gerês” portugués, reclama.

Pola súa banda, o voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Pablo García, ven de afirmar que as máis de 300 hectáreas queimadas no Xurés” (un dos espacios considerados como unha das xoias medio ambientais de Galicia), “corrobora a imposibilidade de atallar de forma efectiva a lacra dos incendios forestais e a actividade incendiaria, sen unha verdadeira política de prevención e de xestión do noso territorio”.

O parlamentario socialista esperaba que, “cando menos, naquelas áreas que, de forma teórica, contan con unha protección especial como é o Parque do Xurés”, se contaría con medios. Porén, vemos cómo as condicións de protección do Parque Natural son vulneradas reiteradamente na práctica sen que se tome ningún tipo de medida especial que o evite.

A situación de frío intenso e ausencia de humidade, a actividade incendiaria sempre perseguíbel, o forte vento… “non deberían ser argumentos suficientes para que, no mes de decembro, cun índice de incendios moi pequeno, poidan queimarse 300 hectáreas dun parque natural” denuncia o parlamentario socialista.

A razón de tal feito atopouna García na “concepción de Parque Natural que ten esta Xunta, que é a de que, por ser Parque Natural, non temos que facer ningún tipo de xestión, non temos nin sequera que voltar por aló ata que dentro de catro ou cinco anos lle toque volver a arder”.

Reitera García que a responsabilidade do Goberno non é a de que se inicie un incendio, “pero si debe asumir responsabilidades  de non ser capaz de atallalo nun tempo razoábel”. Pablo García vai máis aló do número de efectivos que se poidan desprazar (“que parece que neste caso foron escasos nos primeiros momentos”, tal como corroboran os alcaldes da zona), e fai fincapé en que os efectivos non son operativos sen unha mínima xestión do terreo”.

Censura o compañeiro as palabras dos responsables da Xunta de Galicia desprazados á zona, xa que a única explicación que deron aos veciños que, unha vez máis, tiveron que defender as súas aldeas coas súas mans e cos seus  medios, era que “vixíen e denuncien”.

O deputado anunciou que PSdeG solicitará a comparecencia da Conselleira de Medio Rural no Parlamento para que dea unha explicación dos feitos acontecidos, así como do traballo que se desenvolve no operativo de Prevención e de Extinción de Incendios nos meses de inverno.

Tags: , , , , ,