Ourense é sede dunha xuntanza dos socialistas galegos con entidades adicadas ao apoio aos/ás discapacitados/as

A deputada pola nosa provincia e voceira de Discapacidade no Congreso, Laura Seara, e a Secretaria de Dependencia da Executiva Nacional, Irene Dacal, reuníronse esta mañá en Ourense cunha trintena de representantes de asociacións e agrupacións do sector, na véspera do Día Internacional da Discapacidade.
As compañeirascriticaron “a baixada dun 37% nos Orzamentos do Estado en política social” e “os cero euros para o Plan de Discapacidade”, cifras “moi graves”, nun problema que afecta a máis do 9% da poboación galega, 222.597 persoas, con “cáseque 14 500 persoas con discapacidade demandantes de emprego” na comunidade, segundo datos do inicio de ano. Ante estes datos, piden que o Goberno central “intensifique o esforzo para a integración laboral”, despois de ter realizado “un dobre recorte” neste eido, cun 56% menos de axudas e coa cobertura de só o 50% do salario mínimo destes traballadores fronte ao 75% sufragado ata agora.

Seara reclamou “a igualdade como un principio esencial” e estableceu como “unha prioridade asegurar a tódolos cidadáns, unhas condicións de vida dignas, para sermos unha sociedade decente”.

Nunha mesa na que a acompañaban Aitor Bouza, Secretario Xeral de XSG, e as Secretaria-Coordenadora da Área de Benestar e Secretaria de Sanidade da Executiva Provincial, María Devesa e Cándida Pérez, respectivamente, Seara sostivo tamén que os “recortes do PP en políticas sociais, coa crise como excusa, levan a que a dereita quera impoñer un modelo de sociedade que normaliza a desigualdade e elimina as oportunidades de integración”, ademais de “impedirnos” aproveita-lo “potencial” dos/as discapacitados/as para o desenvolvemento social e económico do noso país, o que “converte a sociedade galega en máis inxusta, desigual e empobrecida”.

A compañeira tamén lembrou que o socialistas sempre estivemos á vangarda europea na loita contra as discriminacións, e presentou ante os colectivos presentes varias Proposicións Non de Lei que levaremos ao Congreso dos Deputados para muda-la actual situación, informando tamén da nosa intención de retoma-lo proxecto de Lei de Igualdade de Trato e Non Discriminación, impulsado no 2011, e do noso compromiso co desenvolvemento da Lei de adaptación normativa á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, e co da lei que recoñece e regula as línguas de signos.

Asemade, Seara tamén informou de que os socialistas pedimos “a posta en marcha dun verdadeiro plan integral de atención ás persoas con discapacidade e as súas familias, cun enfoque transversal”, reivindicamos o “dereito a unha educación inclusiva e especializada” e poñemos o acento na necesidade de “garanti-la empregabilidade das persoas con discapacidade”. Neste senso, reclamanmos a posta en marcha dunha lei de emprego para este colectivo, porque “é cauce fundamental para acada-la súa plena integración”.

A deputada lembrou os múltiples avances acadados polo PSOE neste eido, sostendo que “agora están en perigo”, denunciando “un dobre recorte á inserción laboral dos discapacitados” nos Orzamentos do ano pasado, xa que “por un lado, retállase o 56% das axudas destinadas a encontrarlles un traballo, e por outro, o Goberno só pagará o 50% dos seus salarios”, cando ata agora cubría o 75%. A compañeira contrapuxo a realidade actual ás políticas do goberno socialista, co que o emprego das persoas con discapacidade aumentou un 10%, e houbo máis de 200 000 contratacións en España, contando o 5% das prazas reservadas no ámbito da Administración pública, grazas á Estratexia Global 2008-2012.

Tags: , , , , , , ,