Censuramos que Núñez Feijóo tentase tapar o ineficaz e neglixente traslado das cirurxías pediátricas do CHUO a Vigo poñendo en dúbida a profesionalidade dun facultativo

A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, e deputada ourensá, Carmen Acuña vén de cualificar de “desfortunadas e preocupantes” as declaracións feitas onte polo presidente da Xunta sobre o caso recentemente publicado dun menor atendido en urxencias en Ourense e trasladado con posterioridade ao Hospital de Vigo.

Feijóo anunciou que se investigarían as responsabilidades do urólogo que atendeu en primeira instancia ao neno (a quen se diagnosticou unha torsión testicular), e a deputada considera desafortunada tal posta en dúbida da actuación dos facultativos, e acusa ao xefe do Executivo galego de ameazar a un profesional cunha investigación para tapa-la “supresión descontrolada” do servizo de cirurxía pediátrica na nosa provincia.

A realidade do sucedido, insiste Acuña, é que houbo unha mala xestión da Xunta, que foi incapaz de dar solucións á falta de facultativos especializados e, actuando de xeito “neglixente e ineficaz”, deixou esmorecer este problema e crear outro, “levando as gardas pediátricas para Vigo”.

Acuña considera preocupantes as declaracións de Feijóo porque “optou pola cerimonia da confusión e a ameaza ante a primeira mostra dos problemas que os socialistas e os colectivos de profesionais da sanidade lle tiñan adiantado que ían suceder”.

A deputada lembrou que, tal e como manifestaron os profesionais da sanidade pública, “mentres funcionou o servizo Cirurxía Pediátrica do CHUO, mantiña uns ratios de eficacia e eficiencia contrastados” e moito mellores que outros de Galicia, en tempos de espera, resolución de problemas, altas pos-cirúrxicas, etc.

Por todo elo, os socialistas esiximos a Feijóo que explique aos cidadáns as razóns polas que agora hai que trasladar aos nosos nenos necesitados de atención urxente a un Hospital que ten listas de espera, e exhortámolo a reflexionar sobre a decisión tomada, para que, antes de que se produzan meirandes complicacións, volten a dotar á plantilla do CHUO do suficiente número de facultativos para dar cobertura á cirurxía e ás urxencias pediátricas dende Ourense.

Tags: