Denunciamos que a xerente do CHUO quitou camas da área médica para crear unha zona onde as urxencias poden esperar varios días o seu ingreso

A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego de deputada pola nosa provincia, Carmen Acuña, vén de denunciar que o CHUO procedeu a adicar 21 das camas das que dispón a área médica para uso do servizo de Urxencias.

Detrás desta decisión, indica a compañeira, agóchase o afán da xerencia do Complexo Hospitalario da cidade por cadra-los números e rebaixa-la porcentaxe de ingresos hospitalarios, xa que este “hospitaliño” dentro da área médica, permite manter varios días en observación aos doentes de urxencias.

A deputada fíxose eco do malestar dos facultativos de Medicina Interna, xa que, precisamente no inverno precísanse máis camas para o ingreso de doentes crónicos, nomeadamente os que padecen complicacións respiratorias e se desestabilizan polos rigores desta época do ano.

Tampouco están adaptadas estas habitacións para o tratamento e vixilancia dos enfermos agudos ou subagudos, nin se reforzou o persoal para a atención a estes doentes, que comparten o Servizo de Enfermería cos de planta, mentres que os médicos de urxencia soben a planta ocasionalmente para o seu seguimento.

A parlamentaria do PSdeG reprochou tamén ao Goberno galego razóns de nepotismo para a creación desta Unidade de Atención Precoz, que foi tomada a pesar da oposición dos profesionais e da comisión de centro, e que nace dirixida pola parella da propia xerente do CHUO. “Cadra os números, e contenta o seu marido ,todo perfecto”, ironizou Acuña.

A resposta do Director Xeral de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, negando estes extremos foi á súa vez rebatida pola nosa deputada lendo unha carta do responsábel de Medicina Interna do CHUO aos médicos de familia da provincia. Dita misiva amosaba a súa preocupación polas baixas de facultativos non cubertas, advertía de que afectarían aos doentes clasificados como de prioridade “1” (pasando a súa espera de 4 a 40 días), e contiña o rexeitamento dos facultativos de Medicina Interna á creación da Unidade de Atención Precoz, que podería provocar escaseza de camas en épocas de maiores ingresos.

Acuña insistiu en coñecer do responsábel de Sanidade cómo van solucionar esta falta de camas. Esixiu a Rubial que “deixen de mirar cara outro lado” coas decisións da área sanitaria e da xerencia do CHUO. Consecuencia das mesmas foi a desaparición da Cirurxía Pediátrica, trasladada a Vigo. Lamentablemente –insistiu- “xa apareceu un caso dos que falábamos” que poderían elevar o risco para o paciente, dixo Acuña en referencia ao caso da complicación dunha torsión testicular nun neno difundida na prensa recentemente.

Aproveitou tamén a deputada a súa pregunta parlamentaria para denuncia-la “vergoñenta venda” que Feijóo fixo do Plan Estratéxico para o Hospital de Ourense. Os Orzamentos do 2014 levan para tal fin cinco millóns de euros, en recursos condicionados, polo que os socialistas tememos que, como ocorreu o ano anterior, o Plan quede sen financiamento, ao depender de terceiros que, finalmente, non invisten.

Mentras isto sucede, a calidade das infraestruturas do CHUO é “terceiromundista”, con habitacións para tres pacientes e baños para cada dúas habitacións.

Tags: , , , , , , , , ,