Seara advirte a Montoro de que coa Deputación ten “un novo caso Fabra”

A nosa no Congreso, Laura Seara, realizou esta mañá no Pleno da Cámara baixa unha pregunta oral ao Ministro de Facenda, coa que pediu a Montoro que “mire a Ourense e á súa Deputación provincial” porque, segundo lle advertiue, “teñen alí un novo caso Fabra”.

A compañeira explicoulle ao ministro: “os protagonistas son José Luís Baltar e Rogelio Martínez: ao ‘barón’ Baltar coñéceo vostede ben porque eu vinlle pasear con él”, e lembroulle tamén a Montoro que “o vindeiro mes de xuño, Baltar será xulgado por prevaricación, por outra cuestión distinta”. Sobre Rogelio Martínez, Seara lembrou que “foi vicepresidente da Deputación Provincial con Baltar, agora é o Delegado da Xunta de Galicia en Ourense, o ‘home forte’ de Feijóo, e en breve tamén será xulgado por unha posible fraude anterior, que tamén denuncia a Oficina de Loita contra a Fraude da U.E. (OLAF), pola mala utilización de fondos europeos na zona na que Martínez foi alcalde” (O Ribeiro), “todo un veterano” -engadiu Seara xunto co feito de que os delitos imputados ao ‘superdelegado’ da Xunta, que non dimitiu dese cargo, son “prevaricación, malversación, fraude e falsidade”.

Por iso, a deputada afirmou que “os socialistas xa pedimos responsabilidades”, pero recriminou a Montoro que “vostedes lles seguen apoiando e encubrindo, e sabemos por qué, porque encubríndoos a eles encóbrense vostedes; porque Bárcenas é o PP de Génova, Frabra o PP de Castellón, e Baltar e Martínez o PP de Ourense e o PP de Galicia”

Seara conminou ao ministro a aforrar aos cidadáns semellante “bochorno”, apelando a que tal fixese “pola súa honestidade, pola marca España no exterior ou por Rajoy; evítelle a Rajoy o ridículo de ter que explicar de novo por qué o agarimo é distancia cando os seus amigos son pillados cos carriños dos xelados; e aquí hai moitos carriños, e moitos xelados”.

Montoro recoñeceu ante a deputada socialista que o informe final da OLAF conclúe “que os procedementos de contratación da planta depuradora resultaron irregulares por diferentes razóns”, e que “respecto dos contratos de asistencia técnica, a Deputación incorreu en procedementos irregulares de contratación”, o que o levou a respostar á iniciativa de Seara anunciando que o Goberno central “iniciou os expedientes de reintegro dos fondos” e, “ao considera-lo informe da OLAF que os feitos poderían ser constitutivos de ilícitos penais”, remitindo o devandito informe “ao Fiscal Xeral do Estado, para a súa consideración”.

Tags: , , , , , , , , ,