O PP rexeitou tódalas enmendas socialistas para a nosa provincia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que “un ano máis, o PP rexeite tódalas enmendas para Ourense do Grupo Socialista, deixando así fóra dos Orzamentos do Estado proxectos que son prioritarios para a provincia”.

Seara sinala que “as enmendas dos socialistas para Ourense pretendían palia-la marxinación á que o PP somete sistematicamente á provincia, e conseguir un maior equilibrio territorial da mesma, dotándoa de servizos e infraestruturas que son esenciais”. As corenta e dúas aportacións do noso Partido para a provincia, presentadas por Laura Seara, pedían un aumento do orzamento estatal para a provincia de máis de 45 millóns de euros, para proxectos que consideramos prioritarios.

Así, coas súas enmendas Seara pediu, por exemplo millón e medio de euros para a estación intermodal da cidade, seis millóns para a conexión de Alta Velocidade Ourense-Vigo, dous para a conexión de AVE Ourense-Lugo, un para o tramo Ourense-Monforte da autovía A-76, cincocentos mil euros para o tramo Ourense-Enlace de Cambeo na A-56, outros tantos para a circunvalación Norte de Ourense, e un millón de euros para a mellora da seguridade vial da N-525, o que, segundo apunta a compañeita, “é un verdadeiro clamor na provincia”.

Ademais, a deputada solicitou incrementa-las contas estatais para a provincia en medio millón de euros para o cambio de titularidade da N-120 no tramo do Boulevard Termal, trescentos mil euros para reactiva-lo Plan Estratéxico Termal de Ourense, máis de dous millóns setecentos mil euros para a recuperación dos ríos Miño, Támega e Limia, e un millón trescentos mil euros para a modernización dos regadíos da comarca da Limia.

Verbo da modernización de regadíos da Limia, Seara denunciou que o Goberno do PP eliminou os vintesete millóns de euros que presupostara no seu día o Goberno do PSOE.

No que se refire a proxectos culturais, a deputada reclamou maior consignación para, entre outros proxectos, a rehabilitación dos castelos de Monterrei e Ribadavia, e a restauración da catedral de Ourense e de diversos mosteiros da provincia.

A compañeira defende que “a aprobación destas enmendas é necesaria para impulsa-lo desenvolvemento económico e social da provincia e, xa que logo, deben sen ser asumibles polo PP e o Goberno”. Porén, constatou que “nin as enmendas de infraestruturas, nin as de vivenda, nin as agricultura e Medio Ambiente, nin as de cultura, para Ourense, nin tampouco para Galicia, atoparon o apoio do PP”.

Especialmente grave, considera Seara o rexeitamento do PP á nosa proposta de investir vinte millóns de euros nun Plan de prevención de incendios e rexeneración forestal para Galicia, do que se beneficiaría en gran parte a provincia de Ourense, xa que “para Galicia, e especialmente para Ourense, é necesaria unha política integral de prevención de incendios, cunha partida económica específica do Estado”.

Seara lembra que xa “hai tempo que os ourensáns só vemos as costas do PP, cunhas contas do Estado para Ourense que se inflan artificiosamente con investimentos para o AVE que non executan”.

Tags: , , , , , , ,