Seara pide no Congreso actuacións de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, rexistrou nesa Cámara unha Proposición non de Lei coa que insta ao Goberno central a que “en coordenación coa Xunta de Galicia e o Concello de Parada de Sil, leve a cabo as actuacións necesarias de protección do xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova, en Parada de Sil, coas características apropiadas á contorna paisaxística e natural na que se atopa”.

A iniciativa socialista contempla que, entre outras accións, se acometa a adecuación do camiño dende San Lourenzo de Barxacova, unha pasarela perimetral de madeira e unha cubrición de vidro sobre as tumbas. Ademais, pide que estas actuacións de protección se complementen con medidas de promoción e posta en valor desta necrópole.

O xacemento arqueolóxico de San Vítor de Barxacova consiste nunha necrópole ao aire libre escavada na roca, que, aínda que datada entre os séculos IX e XI, pode remontarse a épocas anteriores dada a presenza de materiais máis antigos, como unha tégula romana. A compañeira lembra que “tódolos datos que se foron aportando ao longo dos traballos de escavación, revelan a importancia do xacemento e, polo tanto, a necesidade de protexelo e poñelo en valor”.

Na súa iniciativa, Seara sinala que, nestes intres, e dado o interese de expertos e visitantes, o Concello de Parada de Sil xa comezou a organizar visitas guiadas para divulgar este tesouro patrimonial, potenciando, ao mesmo tempo, os singulares valores paisaxísticos da contorna, especialmente os que xera o Canón do río Mao.

Así mesmo, a compañeira lembra que o Concello de Parada de Sil, co apoio da Deputación Provincial, xa levou a cabo unha intervención de urxencia, executada pola Escola de Restauración de Pontevedra e a Universidade de Cádiz. Porén, considera que “a protección deste xacemento require dunha intervención especial, que evite a deterioración que se detectou, debida aos condicionantes meteorolóxicos, que van erosionando as tumbas” que ata hai pouco “permaneceran baixo terra”.

Tags: , , , , ,