Seara denuncia que o Goberno tivo paralizado o financiamento estatal ao ‘un por cento cultural’

Nunha resposta parlamentaria á nosa deputada no Congreso, Laura Seara, o Goberno central recoñece literalmente que “entre as actuacións aprobadas pola Comisión Mixta Fomento-Cultura para o seu financiamento con cargo ao ‘1% cultural’, non constan actuacións que conten con anualidade para 2013, e para exercicios posteriores, na provincia de Ourense”.

O Goberno fala na súa resposta do acordo entre os Ministerios de Fomento e de Educación para subscribir un acordo de colaboración entrambos, para a actuación conxunta no Patrimonio Histórico a través do 1,5%, e di que “as solicitudes de financiamento con cargo aos fondos do 1,5% cultural que se reciban no período de transición, permanecerán en suspenso ata a sinatura do citado acordo e a publicación dos novos requisitos para a selección das futuras actuacións a financiar, sempre dacordo ás dispoñibilidades orzamentarias”.

Seara denuncia, xa que logo, que “o Goberno do PP tivo paralizado o financiamento do Estado ao 1% cultural para 2013 e para sucesivos exercicios”, e pregúntase “qué pasará agora“ que se asinou ese acordo entre Fomento e Educación hai uns días, “coas solicitudes de financiamento para proxectos da provincia de Ourense que estiveron paralizadas, e que o Goberno cualifica como de transitorias”.

Fronte á ausencia de financiamento con cargo ao 1% cultural por parte do Goberno do PP, a compañeira destaca que, segundo se recolle noutra resposta parlamentaria, o Estado destinou, nos dous últimos anos de Goberno socialista, máis de 700.000€ á provincia de Ourense con cargo ao 1% cultural, e que investiu máis dun millón de euros en bens de interese cultural na provincia. Respecto a Galicia, o investimento da última etapa de Goberno socialista en bens de interese cultural ascendeu a 3,1 millóns de euros, e a máis de 8,5 millóns de euros con cargo ao 1% cultural.

“A diferenza entre o investido co Goberno socialista, só nos seus dous últimos anos, por este concepto, e a paralización absoluta do Goberno do PP do financiamento ao 1% cultural durante todo un ano, é notoria; as cifras non enganan” destaca a deputada.

Por iso, recomenda á ministra Pastor e ao ministro Wert “que non presuman tanto de asinar hai uns días o esperado convenio para o 1,5% cultural; primeiro porque, efectivamente, houbo que esperar moito para ese convenio, e segundo, porque a realidade é que o financiamento estivo paralizado durante todo o 2013”.

Respecto das solicitudes de financiamento que estiveron paralizadas durante o que o Goberno do PP chama “período de transición”, Seara anuncia que presentará no Congreso unha batería de iniciativas parlamentarias para que se inclúan automaticamente entre as do novo 1,5% cultural. Así mesmo, advirte de que “veremos cantas solicitudes son aprobadas, cos novos requisitos que establece o acordo recentemente asinado, para aceptar o financiamento dunha actuación con cargo ao 1,5% cultural”.

Tags: , , , , ,