Propoñemos a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión de axudas europeas

Velaquí o contido da moción do Grupo Provincial Socialista propoñendo a creación dunha comisión de investigación na Deputación, sobre a xestión feita no ente provincial das axudas de varios programas da U.E.:

A Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas comunicoulle a Deputación Provincial o inicio dun procedemento de reintegro das subvencións do FEDER recibidas a través dos proxectos “Daredo” e “Deputrans”, do programa de iniciativa comunitaria “INTERREG-III-A”. Nesa mesma documentación aparecía un documento (Anexo 2) no que se mandaban descertificar ao redor de 2.600.000€ nos proxectos “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA” E “SONS E ACORDES”, ademais de 150.000€ referentes ó programa “DAREDO”.

A incoación do dito procedemento baséase nun informe de investigación realizado pola   Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no ano 2006, do que nunca foi informada a oposición.

En todos estes anos, o Grupo Socialista ven denunciando publicamente a mala xestión, por parte da Deputación e do INORDE, dos programas europeos que leva a cabo; non cumprindo os seus obxectivos finais, dando tumbos e titubeos, e poñendo en marcha iniciativas cun resultado nulo e que non serven para nada.

Servan como exemplo os proxectos “Sons e Acordes” ou o “Vía Nova”, nos que non hai absolutamente ningún resultado. Moitas veces, como está a ocorrer agora co Proxecto “Estaciones Vivas”, estes programas son un mero resumo da imputación de nóminas e Seguridade Social de traballadores e da creación de campañas de publicidade ou programas ambiguos que pasan totalmente desapercibidos.

Esto se traduce nunha nefasta xestión de fondos públicos, que son de todos. E nós consideramos que esta mala xestión é responsabilidade non só dalgúns técnicos, senón dos políticos que lles dan cobertura.

Compre lembrar que no seu día xa solicitamos a creación dunha comisión de investigación sobre os programas “DAREDO” e “DEPUTRANS” que foi rexeitada polo Grupo Popular porque, segundo eles, non había ren que investigar; e o tempo danos a razón en que si que había, moito, que investigar. Pero agora que este tema está en mans da OLAF e da Xustiza, o Grupo Popular crea unha comisión a modo de pantomima para pechala en falso.

Está nas mans do PP crear unha comisión de investigación sobre algo que si que hai que investigar, que é a xestión dos Programas “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA” E “SONS E ACORDES”, que figuran no informe de investigación realizado pola   Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e dos programas “ESTACIONES” e “ESTACIONES VIVAS”, sobre os que vimos denunciando dende hai moito tempo que incumpren os seus obxectivos, e nos que vemos cómo estacións que ían ser albergues e museos, se lle acaban alugando ás empresas concesionarias da obra do AVE.

É evidente que, ante as conclusións alcadadas polos investigadores da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, resulta procedente a apertura dunha investigación interna que permita o total esclarecemento dos feitos relativos á xestión dos ditos proxectos.

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Provincial Socialista somete a consideración do Pleno a seguinte PROPOSTA DE ACORDO:

Crear unha comisión de investigación de carácter especial, cuxo obxecto será o estudo da xestión dos proxectos “PEDECE”, “PROFOREST”, “ILUMINA LIMA”, “VIA NOVA”, “SONS E ACORDES”, “ESTACIONES” e “ESTACIONES VIVAS”, levada a cabo pola Deputación Provincial.

Dita comisión informativa especial axustarase ás seguintes regras:

a) estará integrada polo Presidente, e membros dos tres Grupos políticos que forman o Pleno da Corporación, de xeito proporcional á súa representación
b) a designación dos representantes da comisión corresponderalle a cada Grupo político, mediante escrito dirixido á Presidencia polo portavoz de cada grupo, no que se poderán incluír os suplentes que se consideren necesarios
c) a primeira sesión da comisión será convocada á semana seguinte da toma deste acordo.
d) a comisión levará a cabo o seu traballo conforme co calendario de sesións que ela mesma estableza
e) a comisión poderá solicita-los informes e asesoramentos que considere oportunos, así como acorda-la práctica das probas que se estimen pertinentes para o esclarecemento dos feitos
f) os empregados públicos ao servizo da Deputación Provincial estarán obrigados a comparecer ante esta comisión, co obxecto de prestar declaración se así se lles require.

Tags: , , , , , ,