Censuramos o apoio de Baltar Blanco á reforma local de Rajoy, no que desoiu aos seus propios alcaldes

O voceiro do PSdeG na Deputación, Ignacio Gómez, vén de censura-lo apoio manifestado polo presidente desta institución supramunicipal, Baltar Blanco, á reforma local que está a prepara-lo Goberno central, e que xa suscitou o consenso da FeGaMP e da FEMP en contra de tal proxecto lexislativo, por tratarse dun ataque sen precedentes á autonomía local.

O compañeiro recrimina a Baltar este pronunciamento, feito dende unha provincia que, de prospera-la reforma, “perdería a autonomía local de tódolos seus municipios, agás o da cidade”, xa que unha das pretensións do Executivo de Rajoy, a través da lei, é a de “eliminar competencias aos concellos de menos de 20.000 habitantes, sen que isto supoña unha mellor eficiencia económica, ou unha mellora na prestación de servizos ós cidadáns”, segundo explicou.

Os socialistas atribuimos o posicionamento de Baltar Blanco á “ausencia de coñecemento do que supón a xestión dun municipio pequeno” por parte do “herdeiro da cadeira provincial”; e esperamos que os alcaldes populares, “que velada ou expresamente se opoñen a esta reforma” cambien o parecer do presidente da Deputación, xa que o texto “dobrega a institución aos intereses privatizadores dos servizos públicos”, subxacentes ao mesmo, que acaba convertendo ás institucións provinciais en meros intermediarios necesarios para acabar poñendo os servizos municipais en mans de empresas, que finalmente decidirán a prestación ou a frecuencia de determinados servizos privatizados, segundo a súa conveniencia económica.

O compañeiro lembra que hai menos dunha semana, na asemblea da FeGaMP, presidida polo conservador José Manuel Rey Varela, os alcaldes do PP de todo Galicia expresaron o seu rexeitamento á reforma local proposta polo Goberno de Rajoy. Xa que logo, Gómez esixe aos dirixentes do PP que “aclaren a súa posición diante deste desafío do presidente da Deputación de Ourense”, perante a decisión tomada polo conxunto do municipalismo. E require tamén do PP en Galicia que “aclare” cal vai se-la postura dos conservadores galegos no que queda de tramitación do proxecto.

Lembra Gómez que o mundo local é “o que mellor resposta está a dar en canto á prestación de servizos en tempos de crise”, e afirma, en contra dos argumentos dos promotores da reforma, que os concellos non son os responsables da débeda pública, pois só lles corresponde o 4% da mesma. E dentro desa pequena porcentaxe, o 40% se reparte entre dez grandes cidades.

O noso voceiro na Deputación esixe a rectificación de Baltar Blanco sobre este asunto, advertindo que o Grupo Provincial Socialista estará “en fronte daqueles a quen atraia máis a idea de xestionar privatizacións que a de asenta-los concellos rurais como pedra angular da cohesión territorial, nunha provincia cun máis que preocupante envellecemento poboacional”.

Tags: , , , , ,