Os deputados socialistas galegos esixen un AVE a Galicia con plenas características de Alta Velocidade na integridade da liña e no prazo comprometido e con vía dobre en todo o trazado

Os seis membros socialistas galegos do Congreso dos Deputados, rexistraron hoxe na cámara baixa unha Proposición Non de Lei coa que instan ao Goberno central a “garanti-la construción e posta en servizo da LAV Madrid-Galicia con plenas características de Alta Velocidade na súa integridade, tal e como foi planificada e contratada, blindando a súa construción e posta en servizo en plataforma de vía dobre en todo o seu trazado, e no prazo comprometido do 2018”

Os deputados consideran que “a Alta Velocidade a Galicia é un proxecto vital para Galicia e para o Noroeste peninsular” e advirten da “intención do Goberno do PP de constuir unha liña devaluada en prestacións, provisional e ineficaz”.

Os compañeiros denuncian tamén “a permanente política de ocultación do Goberno do PP respecto de as características coas que pretenden constui-la liña de Alta Velocidade a Galicia, así como respecto ao grado de execución real do orzamento para o proxecto”. Así, sinalan “as continuas contradicións das súas respostas parlamentarias respecto ao grado de execución dos Orzamentos do Estado dos últimos exercicios económicos” no tocante a este proxecto e indican que os Orzamentos Xerais do Estado para o vindeiro ano 2014 constatan “que o Goberno non ten intención de executa-lo 30% do orzamento previsto para este ano”.

Como exemplo desta “política de ocultación” aluden ao documento elaborado por ADIF no que se propón a construción da liña cunha plataforma de vía única, e abandona-la variante de Ourense e o acceso directo a Vigo por Cerdedo; documento que, malia que ADIF alegou que era provisional coincidiu co cambio, en plena obra, do método de construción dos túneles de acceso da liña entre Lubián e Ourense.

Os deputados destacan que “o Presidente de ADIF, na súa comparecencia no Congreso o pasado 3 de outubro, evitou garanti-la dobre vía, e deu a entender que a vontade do Goberno de construí-la liña de Alta Velocidade a Galicia con vía única, tal e como recollía o documento de ADIF, é firme”. De feito, o Presidente de ADIF limitouse a afirmar que se reducirán os tempos de viaxe e que as características “afinaranse despois en función das posibilidades orzamentarias”

Para os deputados socialistas galegos, “sería un erro de transcendencia histórica, pois quedando garantida a construción da LAV Madrid-Galicia na pasada lexislatura, Galicia non podería tolerar que se tomasen decisións na actual que a condenasen a contar cunha liña devaluada nas súas prestacións, provisional e ineficaz”. Lembran que o Goberno socialista modificou os trazados para dotar ao tramo Lubian-Ourense de características homologables ao resto de liñas de AV, con velocidades superiores a 300 km/h, que adoptou para a integración ferroviaria en Ourense unha solución acorde aos tempos previstos, e que “ese compromiso coa modernización das comunicacións ferroviarias en Galicia reflectiuse nun volume de investimento executado de 4.100 millóns de euros en 8 anos de goberno do PSOE”

Os compañeiros destacan que, pola contra, o PP e a Xunta de Galicia provocaron meses de atraso da execución da Alta Velocidade a Galicia, con negativos informes medioambientais e “o seu empeño” no soterramento da liña na súa entrada na cidade.

Tags: , , , , , , , ,