A Consellería de Benestar lávase as mans sobre a construción da residencia da terceira idade de Vilariño de Conso

A deputada no Parlamento galego pola nosa provincia Carmen Acuña vén de preguntar no mesmo sobre os problemas que rodean á construción da residencia da terceira idade no en Vilariño de Conso. A postura da responsábel da Xunta comparecente fai valorar á compañeira que Benestar “lávase as mans” respecto deste asunto.

E é que a Secretaria Xeral de Política Social da Xunta, Coro Piñeiro, non foi quen de clarexar á nosa deputada os motivos polos que dita obra está paralizada, nin de confirmar que este proxecto vaia a recibir axudas tanto da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como da propia Consellería de Traballo e Benestar. Tan só recoñeceu que a área de Verín, á que pertence Vilariño de Conso, ten recoñecido un déficit deste tipo de infraestruturas no Plan de Necesidades da Consellería ata 2020.

Acuña lembrou o investimento do Concello neste proxecto, en marcha dende o 2002, e esixiu explicacións respecto á dúbida sobre a súa ilegalidade. Neste senso, a Secretaria Xeral recoñeceu que Benestar coñece que o pleno do Concello aprobou a súa recualificación para uso público, e que elo habilitaría á devandita construción.

Acuña preguntou ao Goberno galego se se interesara pola posición da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, xa que resultaría importante saber, antes de seguir cun investimento cuantificado polo Concello en medio millón de euros, se as instalacións se atopan en zona inundábel. Sobre este asunto non houbo resposta.

A deputada recriminou á Secretaria Xeral de Política Social a inconcreción do Executivo respecto á viabilidade do proxecto, censurándolle a súa falta precisión sobre as iniciativas previstas pola Xunta para atende-la demanda dunha residencia para a terceira idade en Vilariño de Conso, xa que Piñeiro se limitou a confirma-la necesidade da mesma.

Tags: , , ,