Laura Seara advirte de que o Goberno central non descarta a desaparición dos Xulgados de Paz

28/09/2013
By

O Secretario de Estado de Xustiza, comparecendo na Comisión homónima do Congreso dos Deputados, evitou respostar de xeito claro ás preguntas orais da deputada pola nosa provincia sobre as previsións do Goberno en relación á desaparición dos Xulgados de Paz en Galicia, así como aos que serán encargados, na nova lexislación ao respecto, de leva-los Rexistros Civís.

De xeito concreto, a deputada inquiriu ao Secretario de Estado a respostar “alto e claro” se estaba “en condicións de asegurar que o Goberno descarta a supresión dos Xulgados de Paz”. A tal requerimiento, o Secretario de Estado respostou que “non pode aseguralo”, polo que Seara denunciou o “engano que leva a cabo o Ministerio de Xustiza respecto dun informe elaborado por expertos, e do que todo apunta que o Goberno levará a cabo moitas das súas recomendacións”, aínda que, en verbas da compañeira, “Gallardón presentou un informe do que utiliza o que lle interesa e do que renega cando non lle interesa”.

Seara reprochou ao Goberno que “coas súas reformas, afastan cada vez máis do acceso á Xustiza a miles de persoas”, e indicoulle que “a desaparición dos Xulgados de Paz é especialmente grave en lugares como Galicia, cunha grande dispersión poboacional e cun grande déficit no sistema de transporte”.

“O seu modelo xudicial” –dixo a compañeira ao Secretario de Estado– “só viría a eliminar sedes e a concentra-la administración de xustiza nas capitais de provincia, afastándoa aínda máis dos cidadáns, e provocando un maior colapso nos xulgados”.

Así mesmo, Seara alertou do perigo de “antepoñe-lo privado ao público no ámbito da Xustiza”, e pediulle resposta sobre se serán ou non os rexistradores da propiedade os que se encarguen de leva-los Rexistros Civís coa nova Lei. Sobre este punto, a deputada avanzou que esa idea conlevaría o incremento do 1.500% nos ingresos dos 800 rexistradores que hai en España.

Ademais, recomendou ao Goberno que “a tensa apertura do Ano Xudicial debe facer reflexionar a Gallardón, pois semella que o Ministerio de Xustiza vai en dirección contraria a tódolos axentes relacionados coa Xustiza e á sociedade”.

Ante a falla de concreción do Secretario de Estado, Seara pediulle “que non faga mutis polo foro”e que dixese “con claridade aos cidadáns se os Xulgados de Paz han desaparecer ou non en Galicia”.

Tags: , ,