Laura Seara: “o PP apoia ao Goberno na súa intención de ‘facer caixa’ co edificio da Subdelegación de Defensa de Ourense”

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, lamenta que o PP mostrase “o seu apoio á intención do Goberno de facer caixa co patrimonio público de Ourense, de Galicia e de España”, ao rexeitar dito partido, na Comisión de Defensa do Congreso, unha Proposición Non de Lei -asinada por Seara e outros deputados socialistas-, coa que o PSOE pedía a paralización do Plan de Racionalización do patrimonio do Ministerio de Defensa “que abriría a porta á especulación inmobiliaria con patrimonio público”.

No caso de Ourense, Seara vén alertando da posible pretensión do Goberno central de “malvender ao mellor postor” o edificio da Subdelegación de Defensa, de patrimonio público e protexido, aclarando que “os socialistas non nos opoñemos á racionalización do patrimonio de Defensa; opoñémonos á venda de patrimonio público”.

A compañeira destaca que se trata dun Plan que “se debe realizarse de xeito consensuado con Concellos e CC.AA. para que as instalacións desafectadas por parte de Defensa se destinen a fins sociais e públicos acordes coas necesidades da cidadanía”. De feito, lembra que “así se facía ata agora, pero o Goberno de Rajoy cambia con este Plan a política de xestión das propiedades de Defensa que se viña realizando dende hai anos por parte do Goberno central”.

Por iso, a deputada coida que estamos ante un Plan cunha “cara escura”, e que esa é a razón de que Ministro de Defensa non comparecese no Congreso para explicalo, “malia telo solicitado o Grupo Socialista”, e de que o Secretario de Estado de Defensa, en comparecencia no Senado, tampouco aportara o oportuno informe.

Respecto ao edificio da Subdelegación de Ourense, Seara defende que o Goberno realice unha cesión ao Concello, para que sexa destinado a fins públicos para os ourensáns.

Por último, a compañeira advertiu: “o PP rexeitou a Proposición Non de Lei coa que os socialistas pedimos, de xeito fundado, que se paralice este Plan, pero continuaremos defendendo con máis iniciativas que o patrimonio público continúe sendo de todos”.

Tags: ,