Seara defende que “os emigrantes galegos retornados non son defraudores fiscais” e pide ao Goberno central “que peche os expedientes sancionadores e non inicie ningún máis”

19/09/2013
By

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, xunto a outros deputados socialistas de CC.AA. afectadas, reuniuse naquel, esta mañá, coa presidenta da Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados.

Durante a reunión, os deputados socialistas presentáronlle á presidenta da Federación a Proposición Non de Lei que o PSOE rexistrou no Congreso con medidas tributarias para as rendas non declaradas de emigrantes retornados.

Seara incidiu en que “os emigrantes galegos retornados non actuaron de mala fe, e non son defraudadores fiscais”, e que “mentres o Goberno si perdoa a grandes defraudadores fiscais, actúa cos emigrantes retornados de xeito absolutamente violento nas formas”.

A compañeira destacou que “este é un asunto de gran importancia en Galicia”, onde a nosa “quinta provincia” é a emigración, e na que, tanto a nivel comarcal como provincial, se está constituíndo unha grande plataforma de afectados”.

Así, explicou que a Proposición Non de Lei pide ao Goberno “colaborar cos emigrantes retornados para que poidan regulariza-la súa situación fiscal, prevalecendo a mesura e consideración sobre un colectivo que non ten intención de defraudar á Facenda Pública”.

Deste xeito, solicita “non iniciar ningún expediente sancionador sobre as pensións dos emigrantes residentes non declaradas no IRPF, pechar de oficio” os xa abertos, “abrir, a través do ICO, unha liña de crédito a medio e longo prazo, sen interese remuneratorio, para que os emigrantes retornados poidan regulariza-la súa situación fiscal”, e “desenvolver unha campaña informativa sobre as obrigas tributarias dos emigrantes retornados e o tratamento fiscal das rendas e pensións que perciben”.

A Proposición Non de Lei do PSOE contempla ademais “promove-los cambios normativos necesarios para dar maiores facilidades de pago, mediante a ampliación do período de adiamento, e que non se devenguen intereses de demora nas liquidacións do IRPF que se practiquen por exercicios anteriores”.

Pola súa importancia en Galicia, Seara anunciou tamén que os deputados socialistas galegos presentaron, ademais, outra Proposición Non de Lei centrada nos pensionistas emigrantes, coa que solicitan para este colectivo períodos de pago máis longos e a exención do pago de sancións e intereses de demora.

Ademais, o vindeiro mércores a compañeira preguntará sobre este asunto á Ministra Báñez na sesión de control do Congreso.

Tags: , , , , ,