Seara denuncia que Fomento “volta a escurri-lo vulto” no proxecto do boulevard termal de Ourense

19/09/2013
By

Tras recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central, a deputada no Congreso pola nosa provincia, Laura Seara, denuncia que o Ministerio de Fomento ten paralizado un acordo co Concello de Ourense polo que a Administración Central cedería ao Concello a titularidade de diversos tramos urbanos da N-120 para facer posible a execución do proxecto do boulevard termal da cidade.

Seara lembra que “en novembro de 2011 se asinou un protocolo entre ambas administracións, cun acordo para o cambio de titularidade de diversos tramos urbanos da N-120”. Porén, “o Ministerio de Fomento ten paralizada a firma do convenio para desenvolver devandito acordo e que o Boulevard Termal de Ourense poida ser por fin unha realidade”.

Así mesmo, a compañeira sinala que hai un acordo de todos os grupos parlamentarios do Concello para levar a cabo esta actuación e que, con todo, o PP rexeitou no Congreso a enmenda que a propia Seara presentou aos Orzamentos Xerais do Estado para dotar económicamente o proxecto.

Na súa resposta parlamentaria “o Ministerio de Fomento volta a escurri-lo vulto e falsea a realidade, negando a súa responsabilidade na execución das obras do proxecto do boulevard termal”. Explica Seara que “a cidade de Ourense conta cun Plan Estratéxico Termal e de Promoción Internacional do Termalismo, asinado polo anterior Goberno socialista en xullo do 2011, polo que o Estado aportou 1 millón de euros, que se executou durante o 2012 e que contemplaba a actuación do boulevard termal, que agora o Goberno do PP paraliza”. Para levar a cabo as actuacións previstas nese Plan Estratéxico Termal, é necesario realizar antes o cambio de titularidade dos tramos urbanos acordado entre Fomento e Concello.

“Xa se asinou un Propocolo de actuación entre o Ministerio e o Concello, con acordo dos cambios de titularidade necesarios para executa-lo Boulevard Termal, e agora Fomento rectifica e incide na necesidade de asinar un convenio, pero ademais faino apuntando que non lle corresponde executar o proxecto; iso si, sostén Fomento cínicamente a súa intención de colaborar co Concello” reproba Seara.

Para a deputada, “esta resposta, que acaba de enviarnos o Goberno, coincide tristemente co que o pasado mes de xuño se lle escapou á Secretaria de Estado de Turismo nunha comparecencia no Congreso, na que afirmou que o Goberno non executaría o proxecto porque non hai dispoñibilidade orzamentaria”.

Lembra Seara que “os socialistas xa denunciamos entón as verdadeiras intencións do Goberno e rexistramos no Congreso unha Proposición non de Lei instándolle a executa-lo proxecto do boulevard termal, que é o gran proxecto pendente para a cidade termal de Ourense, que foi declarada capital termal de Galicia polo Parlamento de Galicia, e que é unha das zonas con maior potencial balneario de España”. En definitiva, a compañeira reclama que “o Goberno debe cumprir as súas promesas cos ourensáns”.

Tags: , , ,