Pachi Vázquez: “o próximo Secretario Xeral de Galicia será elixido polos militantes”

O Sº Xeral Nacional, Pachi Vázquez, anunciou hoxe que o vindeiro Sº Xeral dos socialistas galegos será elixido polos militantes nunhas eleccións primarias consultivas. Pachi anunciouno logo de que o Comité Federal aprobase hoxe a convocatoria destes comicios internos, previstos para o día 7 de setembro, e dun Congreso Extraordinario do PSdeG o 29 do mesmo mes.

Vázquez asegurou sentirse “profundamente orgulloso” desta convocatoria, ratificada hoxe por parte do PSOE, e que “abre un espazo de democracia mais” para o socialismo en toda España.

O compañeiro agradeceu o esforzo feito, tanto polos socialistas galegos como polo Comité Federal, para que Galicia sexa a primeira agrupación a nivel estatal que elixa ao seu Sº Xeral nun proceso de primarias.

A celebración das primarias consultivas, con carácter experimental, aparece recollida na convocatoria do Congreso Nacional extraodinario que fora aprobada polo Comité Nacional Galego o pasado 26 de abril; determinando que só serán candidatos a Sº Xeral no Congreso aqueles que teñan concurrido ás primarias, ademais de que só se presentará o que acade maior número de votos.

Nesa convocatoria, aprobada polo 95% do Comité Nacional, estipúlase que “os militantes que queran presentarse como candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE no Congreso Nacional Extraordinario, a celebrar o día 29 de setembro de 2013, terán que presentarse como precandidatos/as na consulta interna á militancia regulada nesta convocatoria”. Tamén se establecen as condicións para ser precandidato á consulta: ser militante, contar co aval do 10% da militancia e “comprometerse a renunciar a ser candidato/a á Secretaría Xeral do PSdeG no caso de non ser o precandidato/a máis votado pola militancia na consulta”.

A aprobación da convocatoria do Congreso por parte do Comité Federal da luz verde á celebración das primarias consultivas tal e como regula a convocatoria aprobada polo Comité Nacional. Garántese, tal e como afirmou hoxe o actual Sº Xeral Nacional, que “o gañador da consulta será o próximo Sº Xeral do PSdeG-PSOE”.

Logo da luz verde que deron, onte a Executiva Federal, e hoxe o Comité Federal, ao proceso aprobado previamente no Comité Nacional Galego do PSdeG, Vázquez salientou que Galicia será a primeira federación de España na que os militantes farán a proposta de Sº Xeral en voto secreto en furna, e que “o futuro vanno escribir, por primeira vez na historia do socialismo español, os militantes”

Tamén sinalou que “hoxe estamos todos de noraboa, e nomeadamente os socialistas galegos, chamados a escribir unha fermosa páxina do socialismo” a nivel estatal, e garantiu que o PSdeG sube “un chanzo mais na democracia interna”. En todo caso, advertiu de que estas eleccións primarias “para Galicia, van ser absolutamente vinculantes”, xa que quen as gañe “será o próximo Sº Xeral”.

Pachi salientou que a vindeira semana comezará un percorrido por toda Galicia, mantendo encontros con tódolos Secretarios Xerais, para pedirlles implicación no proceso e que mobilicen aos militantes “para que voten, a quen queiran, pero que voten, que participen”.

A partir de ahí, dixo, o día 22, comeza o proceso de recollida de avais tralo que se coñecerán os candidatos a Sº Xeral.

Preguntado, anunciou que antes desa data dará a coñece-la súa decisión sobre se presenta a súa propia candidatura, limitándose agora a puntualizar que estará “onde teña que estar”.

Tags: , , ,