Seara e Quintas denuncian “o severo castigo” do Goberno central e da Xunta á nosa provincia e reclaman a súa implicación urxente nun plan de viabilidade para T-Solar que inclúa o mantemento dos postos de traballo

11/07/2013
By

As nosas deputada no Congreso e Sª de Organización Provincial, Laura Seara e María Quintas, denunciaron esta mañá en rolda de prensa o “maltrato” que a nosa provincia está a sufrir por parte dos Gobernos de Galicia e de España, e reclamaron que, nun prazo de dez días, a Xunta, “como administración competente” inicie un plan de viabilidadee de xeito conxunto cos representantes da empresa T-Solar, tódolos accionistas e os representantes dos traballadores, solicitan que o Estado impulse a mesa de diálogo para a posta en marcha de devandito plan.

Así mesmo, piden ao Estado e á Xunta de Galicia que realicen tódalas xestións necesarias para que nun novo escenario para a empresa, ou na súa posible venda, se priorice o mantemento de tódolos postos de traballo na planta de T-Solar en Ourense. Para iso, rexistraron hoxe mesmo no Congreso e no Parlamento de Galicia senllas Proposicións non de Lei.

Seara sostivo que “Ourense está sufrindo un castigo severo por parte dos Gobernos de Galicia e de España, que no único que rivalizan é nos recortes e no maltrato a esta provincia”. Como proba, citou os 109 098 ourensáns afectados pola decisión do Goberno de non revaloriza-las pensións, os 9,6 millóns de euros que deixarán de recibi-los pensionistas da provincia, e os 266 expedientes de FOGASA sen resolver en Ourense.

Tamén lembrou a paralización das infraestructuras na provincia e a “a farsa” que o Goberno e a Ministra Pastor protagonizan respecto ao AVE a Galicia. “Tapian os túneles máis avanzados nos tramos de Ourense, dinlle ás empresas que nos tramos máis atrasados prioricen unha única vía, encargan un informe onde propoñen suprimi-la dobre vía, as empresas constructoras do AVE reducen persoal”, e Pastor di onte no Senado que todo vai segundo os previsto”. “Segundo o previsto por ela e o PP desde fai tempo que é privar a Galicia e a Ourense dun AVE de primeira” “ incide a nosa deputada, quen pediu a comparecencia urxente no Congreso da Ministra Pastor e do Secretario de Estado de Infraestructuras.

“Nin unha soa iniciativa en máis de catro anos de Feijóo e ano e medio de Rajoy en favor de Ourense”, resumiu; engadindo que “Rajoy treme ante Bárcenas, pero saca peito fronte a Ourense e Galicia, condenándoas a un futuro tan negro como os cuartos do seu partido; e Feijóo, está sendo o seu lazarillo”, acusándoos de non moveren “nin un dedo, non só para crear emprego e empresas senón tampouco para evitar que pechen as que xa existen, como T-Solar”.

A compañeira denunciou “a actitude de deixamento e pasotismo do Goberno” respecto de dita empresa, cuxos traballadores se pecharon para evita-lo desmantelamento da súa planta de gases á espera de que se materialice un comprador que permita a reactivación da planta, lembrando que “os principais acreedores de T-Solar son as Administracións públicas, entre elas o Estado”, sendo unha empresa “á que se destinaron recursos públicos, e o Goberno ten a obrigación de ofrecer solucións”. Así, lembrou a subvención de 6,4 millóns de euros do Ministerio de Economía no 2007, 2,6 millóns de euros que aportou no 2008 o Ministerio de Educación e Ciencia nunha liña de investigación, e dous préstamos do Ministerio de Industria de case 7 millóns de euros.

A compañeira pediu hai xa máis dun mes ao Goberno central, a través dunha batería de iniciativas parlamentarias, que estudase un plan de viabilidade que fixese posible a continuidade da empresa, así como o mantemento do emprego dos seus cento setenta traballadores. Seara advertiu xa entón da “obriga” e “a responsabilidade que ten o Estado para evita-la peche de T-Solar e a conseguinte perda de máis postos de traballo que afondase aínda máis na crítica situación de desemprego” que sufrimos, e solicitou ao Executivo “accións de urxencia” para tal fin; aínda que “lamentábelmente o Goberno non fixo ren”.

Pola súa banda, María Quintas sostivo que T-Solar é unha empresa creada co apoio das Administracións e da Xunta, e lembrou que “o Goberno de Galicia é competente en materia de Traballo e de Industria”, polo que aludiu á responsabilidade da Xunta para dotar dun plan de viabilidade á empresa. Amosou tamén o seu apoio aos traballadores, e considerou que coa perda de T-Solar non só se perdería unha empresa punteira a nivel internacional e irían á rúa os seus cento setenta traballadores, senón que tamén quedarían afectadas, en total, unhas “novecentas persoas”.

Por iso realizou un chamamento a toda a sociedade ourensá, tamén aos Medios de Comunicación, para apoia-la continuidade da empresa, e incidiu en que a mesma non debe venderse “a cachos”, reivindicando en que os traballadores formen parte das negociacións da posíbel venda, co propósito de mante-los postos de traballo.

Tags: , , , ,