Seara acusa a Pastor de facer “trilerismo”co AVE a Ourense e anuncia que pedirá a súa comparecencia para que explique “a gran mentira” que contou aos ourensáns

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara anuncia que pedirá a comparecencia na cámara da Ministra de Fomento, Ana Pastor, para que explique a paralización nas obras do AVE na nosa provincia.

A compañeira lembra que “xa o pasado mes de marzo, os parlamentarios socialistas ourensáns nas Cortes advertimos en rolda de prensa da posibilidade de que se paralizasen as obras do AVE nalgúns tramos que estaban en execución na provincia de Ourense por impagos da Administración; despois advertimos da existencia dun informe de ADIF que cambiaría os proxectos; agora vemos que o tempo nos dá a razón”.

A deputada indica que “cando Pastor chegou ao Ministerio, todos sabiamos onde estaba o AVE: estaba camiño de Ourense, coas mesmas prestacións que os do resto do Estado, cun acceso exterior na cidade de 17 km., dende Taboadela, e cunha estación adxudicada a un dos arquitectos máis presitiosos do mundo: Norman Foster” Pero hoxe, segundo denuncia Seara denuncia “o PP e Ana Pastor converteron a Ourense nun tapete, e o AVE nunha boliña que cada día esconden baixo un gobelete distinto”. Neste senso, a deputada incide na “ensalada de cifras” que o Goberno ofrece nas súas respostas parlamentarias sobre a execución do AVE a Galicia e na provincia de Ourense. Este “mareo de datos contraditorios ten un único e perverso obxectivo: confundir á cidadanía para ocultar que se parou o AVE, e que un ano despois da chegada do PP ao Goberno, xa non se sabe cando nin como chegará; só sabemos que non chegará no 2015 como asinara Feijoo tras chegar á Xunta no 2009”.

Por elo, a compañeira destaca que “a realidade é que, mentres a Ministra Pastor anuncia investimentos pantasma, as empresas teñen que comunicar aos seus traballadores que se paralizarán as obras porque Fomento non paga”, habendo “unha clara e nauseabunda estratexia por parte do Goberno, que tamén é dos ourensáns, para enganar a Ourense e a quen vivimos aquí, con relación ao AVE, como antes fixeron coas pensións ou o IVA”.

Seara recrimina que a Ministra “Pastor non quere vir a Ourense a consensuar; vén a pastorear a esta provincia, con novos enganos, vellas mentiras e unha chea de cifras contraditorias, boliñas e gobeletes; sabe perfectamente que hai consenso hai anos: Ourense quere un AVE de primeira, cunha entrada exterior e unha estación xa adxudicada a Foster; todo está decidido e planificado, e Pastor só ten que adxudicalo, pero non o fai, e apúntase ao trilerismo, coa complicidade do PP de Ourense e a connivencia de Feijóo”.

Tags: , , , , , , ,