Os socialistas esiximos a intervención da Xunta no ERE da concesionaria da AP-53 para evita-la substitución do persoal das cabinas de cobro por máquinas

O Secretario Xeral Provincial, Raúl Fernández, e o voceiro de Ordenación do Territorio do Grupo Socialista no Parlamento galego, Xosé Sánchez Bugallo, veñen de rexistrar unha pregunta parlamentaria interesándose pola intervención da Xunta no ERE de extinción da empresa ACEGA, concesionaria da Autoestrada entre Santiago e o Alto de Santo Domingo, AP-53, que afecta a quince dos seus corenta e cino traballadores.

Aparentemente, a intención da empresa é proceder á substitución destes operarios das cabinas de cobro por maquinaria. Esta substitución non parece xustificada, nin por necesidades da empresa “nin moito menos por unha mellora do servizo aos cidadáns”, dadas as moitas trabas coas que se atoparían os usuarios de atoparse con algunha dificultade, pois “terían que razoar cunha máquina”, segundo ironizou Bugallo.

Laboralmente tampouco hai xustificación, pois ao centrarse no persoal de cabinas, o ERE afectaría maioritariamente ao persoal con retribucións máis baixas, pero que realiza un servizo imprescindible, non só polo cobro senón porque resolven moitas dificultades que poden xurdir aos usuarios da vía.

O PSdeG espera obter da Xunta unha resposta afirmativa respecto á intervención do Goberno neste ERE, para garantir a calidade do servizo aos usuarios da AP-53.

Tags: , , , ,