Laura Seara: “o PP expulsou da Seguridade Social a case ao 75% dos coidadores non profesionais de dependentes en Galicia”

A nosa deputada e voceira do PSOE no Congreso dos Deputados en materia de discapacidade, denuncia que o Goberno central confirma, en resposta parlamentaria escrita, que o número de coidadores non profesionais que figuraban de alta na Seguridade Social en Galicia, a xullo do 2012, era de 7405, e que a 31 de marzo do 2013 só quedan 2075.

Seara destaca que se trata dunha redución de case o 75%, e engadiu que “os poucos que sobreviviron á expulsión viron recortada a súa prestación nun 15%”.

Como deputada ourensá, apunta que “en Ourense a situación non é máis alentadora, pois en xullo do 2012 había 1260 coidadores non profesionais de alta na Seguridade Social, e só quedan 433; unha redución do 65%”.

“Moitísimas das persoas que o PP expulsou da Seguridade Social tiveron que renunciar á súa vida laboral para coidar dos seus familiares; vaia recompensa!”, manifestou a compañeira antes de lembrar que “a Lei de Dependencia se puxo en marcha baixo o Goberno socialista co acordo de todos, e supuxo o recoñecemento dun novo dereito de cidadanía no noso país: o dereito das persoas que non se poden valer por si mesmas a ser atendidas polo Estado, ao tempo que se lles garantía unha serie de prestacións con recursos e servizos”.

O Grupo Socialista ven de presentar no Congreso unha Proposición non de Lei para recupera-la Lei de Dependencia e garanti-lo seu mantemento e desenvolvemento, “pero o PP rexeitouna”, lamenta.

A deputada reproba “o despece absoluto” da Lei de Dependencia que o PP realizou en pouco máis dun ano. Lembra que o Goberno central:

- en decembro do 2012, a través de Decreto-Lei, paralizou a aplicación do calendario de implantación da Lei, impedindo a case 400 000 persoas con dependencia moderada acceder ás súas prestacións

- nos orzamentos xerais do Estado do 2012 realizou un recorte total de 566 millóns de euros, sumando as achegas das CC.AA

- despois, cun novo Decreto-Lei, suprimiu os niveis, deixando simplemente os grados establecidos, e ampliou a dous anos o prazo para resolve-las axudas sen que houbese efecto retroactivo, o que, tendo en conta que o 54% dos dependentes superan os oitenta anos de idade, provoca que estean morrendo moitos deles sen resolución

- eliminou as compatibilidades de servizos, reducindo o 15% da prestación por coidados na contorna familiar, prexudicando a 435 180 persoas

- revisou a regulación do convenio especial no Sistema da Seguridade Social dos coidadores non profesionais, que deixou de pagar o Estado, tendo agora facelo os propios afectados, unhas 180 000 persoas

- reduciu nun 13% a achega do Estado para financia-lo nivel mínimo de protección, deixando a 300 000 persoas “que teñen recoñecido o dereito sen prestación, servizo nin axuda”

- a traverso dos orzamentos xerais do Estado do 2013, recortou 200 millóns no nivel mínimo, e limitou a achega do Estado á Lei de Dependencia a tan só un 18%.

Tags: , ,