Pachi Vázquez censura que o PP non empregue o diñeiro público para construir hospitais por unha cuestión ideolóxica

O noso Secretario Xeral nacional, Pachi Vázquez, encabezou a nutrida representación de cargos orgánicos e representantes institucionais dos socialistas sa nosa provincia que, coa súa presenza, manifestaron o seu apoio á convocatoria de concentración da Plataforma pola defensa da Sanidade Pública contra a paralización das obras do CHUO e en protesta polas consecuencias dos recortes en materia de Sanidade.

Vázquez afirmou que “hai diñeiro público para facer Sanidade Pública”, denunciando que non hai un problema económico, senón que se trata “dunha cuestión ideolóxica” do Presidente Feijóo e do PP.

Lembrou que a Xunta deixou douscentos millóns de euros sen executar porque prefire que os hospitais se fagan con cartos privados, xa que “prefiren facilitarlle o negocio e volume de traballo a empresas que nin son galegas”, e que “están privatizando a sociedade”.

O compañeiro advertiu do risco severo de quedarmos sen financiamento europeo para ampliación do CHUO, que vai ligada ós proxectos de innovación tecnolóxica do “Hospital 2050” e “Innova Saúde”: “o modelo de financiamento ao que abocou Feijóo aos servizos sanitarios é un fracaso; a paralización é inevitábel”, recriminou Vázquez ao Presidente e aos responsables de Sanidade do Goberno galego. “En Ourense estamos a piques de perde-lo investimento para modernizar este Plan Director”, afirmou ao mesmo tempo que criticou o procedemento negociado polo que optará a Xunta para o edificio de hospitalización, ao quedar deserta a segunda licitación pola falta de interese que ten para as empresas o feito de que se condicione a xestión integral á obra.

O líder dos socialistas galegos remitiuse ao exemplo de Vigo, onde a parálise das obras está a xerar, como denunciaron máis de trescentos cincuenta profesionais da Sanidade, un aumento das listas de espera, que non suman os 6 000 pacientes que asegurara a Xunta, senón de 22 000. Vázquez convidou aos ourensáns a “face-lo mesmo que fixo a cidadanía de Lugo e de Vigo” e saian á rúa a “defende-lo modelo sanitario público”. Comprometeu a presenza dos socialistas a carón deles, e anunciou unha batería de iniciativas parlamentarias para denuncia-lo “risco real de perde-lo financiamento europeo para o hospital de Ourense”, iniciativas para que “con diñeiro público se fagan obras e instalacións sanitarias públicas”.

Tags: , , ,