O Goberno central confirma a Laura Seara que Ourense perderá os 36 millóns de euros de fondos europeos para o “Hospital 2050” se a Xunta non constrúe o edificio

A preguntas da nosa deputada, Laura Seara, sobre a posibilidade de que Ourense perda os 36 millóns de euros comprometidos de fondos europeos FEDER para o proxecto “Hospital 2050” se non se constrúe o novo edificio do hospital, así como sobre a posibilidade de que devanditos fondos puidesen destinarse a outros hospitais de Galicia, a Secretaria de Estado de I+D+i, Carmen Vea, respostoulle, na Comisión de Orzamentos do Congreso dos Deputados, que “a responsabilidade desta Secretaría de Estado e do Ministerio, respecto dos proxectos do ‘Hospital 2050’ en Ourense e Innova Saude non vai máis aló dos convenios asinados” , que “non é responsabilidade do Ministerio se a Xunta executa o proxecto do ‘Hospital 2050’ de forma distinta”, e que “se o hospital non se fai, dificilmente se podera face-la parte tecnolóxica para a que están destinados os fondos FEDER”.

Seara asegura que “malia que a Sra. Vela xogou ao escapismo, na súa resposta, deixou claro que os trinta e seis millóns de euros comprometidos de Fondos FEDER están ligados ao proxecto ‘Hospital 2050’, pero non á cidade de Ourense e, xa que logo, Ourense podería perdelos”. Do mesmo xeito, a compañeira lamenta que “a Secretaria de Estado deixou patente que o Ministerio lavará as mans se a Xunta decide non executa-lo proxecto en Ourense”, e que “a Sra. Vela foi clara ao afirmar que o custo do hospital, catrocentos millóns de euros, excede dos treinta e seis millóns europeos comprometidos e, xa que logo, que se o hospital non se fai, non se poderán investi-los fondos europeos destinados ao proxecto tecnolóxico”.

A deputada socialista ourensá lembrou que, en novembro do 2011, a Ministra Garmendia asinou convenios coa Xunta para os proxectos “Innova Saúde” e “Hospital 2050” e sinalou que “a Xunta veu afirmando que o proxecto ‘Hospital 2050’ se faría no hospital de Ourense”. Con todo, Seara subliñou que “os fondos europeos están ligados ao proxecto Hospital 2050 pero non están ligados concretamente a Ourense”, e lamentou que “hoxe a Secretaria de Estado confirmou o que temiamos, e que incluso a Xunta pode decidir que fondos, se non se perden, non se destinen ao proxecto en Ourense”

Feijóo, sinalou Seara “veu mareando a perdiz sobre o futuro do Plan Director para o Hospital de Ourense e enganou aos cidadáns pensando que “tirando” dos fondos europeos podería reducir custes na construción do edificio. Neste senso, explicou que “Feijóo, primeiro sacou un concurso que ficou deserto porque impuxo a condición de que a empresa adxudicataria puxese catorce millóns de euros para a construción do edificio, despois sacou outro concurso que condicionaba ao primeiro, e agora a realidade é que Feijoo se atopa con que non ten o cartos para construi-la infraestructura“.

Ademais, a deputada incidiu en que “o prego de licitación de construción especifica que, se os contratos (de xestión) previstos non se chegan a adxudicar e formalizar, a Xunta se reserva a facultade de non adxudica-las obras; é dicir, de lava-las mans”. E “a Secretaria de Estado confirmou os nosos peores temores respecto da perda dos fondos FEDER para o proxecto ‘Hospital 2050’ en Ourense e, o que é peor, advertiu que o Ministerio tamén lavará as mans”.

Tags: , , , ,