Os socialistas reclamamos á Consellería de Industria a protección do sector da lousa a través dun segundo plan “renove” de tellados que corrixa os erros da primeira convocatoria

A deputada no Parlamento galego Carmen Acuña, preguntou hoxe pola posta en marcha dun segundo plan tipo “renove” para teitos, de vital importancia para a supervivencia do sector da lousa, especialmente do emprego dos colocadores.

Acuña recriminou ao Director Xeral de Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, a falta de definición sobre o compromiso con ese plan, para o que hai consignados 806 000€, e do que o PP xa comezou a facer publicidade en Valdeorras.

Aproveitou a deputada valdeorresa a ocasión para lembrar que o primeiro plan destas características foi froito do “moito insistir” do Grupo Socialista a través de múltiples iniciativas “que sempre foron votadas en contra polo Grupo Popular no Parlamento de Galicia”. Tamén reprochou a nosa deputada que esa primeira convocatoria xerou problemas, especialmente nos prazos formulados para o seu desenvolvemento, que foron insuficientes.

Agarda a compañeira que estas eivas sexan resoltas cando se poña en marcha o novo plan, se finalmente así o decide a Consellería, e tamén esixiu que a súa convocatoria contemple prazos e requirimentos que faciliten o acceso dos interesados ás axudas en cubertas de lousa, e se empregue o total do presuposto reservado a tal fin no Orzamento.

Os socialistas acadamos o compromiso do Director Xeral de Industria e Minas de acelera-la tramitación para evita-lo colapso que se xerou no primeiro plan polos devanditos problemas nas datas de execución dos tellados.

Carmen Acuña insistiu na importancia de que este segundo plan entre en vigor canto antes, para que poidan entrar na súa aplicación as obras nos teitos que se fagan no verán.

Tags: , , , ,