5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente. Un cero ás políticas medioambientais do PP

Dende o PSdeG-PSOE, no Día Mundial do Medio Ambiente, reiteramos o noso firme compromiso cos valores que deben inspira-la conservación da nosa contorna, unidos de xeito indiscutíbel á saúde e ao aseguramento da calidade de vida dos cidadáns de hoxe e do futuro, á mellora do noso capital natural imprescindíbel para sustentar un desenvolvemento xusto, é innovación tecnolóxica, á modernización do País e á creación de emprego.

En solo un ano e medio de Goberno do PP, as políticas estatais en materia medioambiental fixeron retroceder a España corenta anos neste eido:

• A costa ponse en venda ao mellor ofertante, confiando en que de ahí saia outra “salvación” para o decaído mercado urbanístico.

• Renúnciase ao control público dos obxectivos de impacto ambiental que deben cumpri-las actividades industriais, mediante a encomenda ás propias empresas das competencias de inspección que ata o de agora estiveran reservadas a Administración.

• España renuncia a segui-la folla de ruta da UE na redución de residuos e nos obxectivos de redución da contaminación atmosférica.

• Moratoria sine die ao desenvolvemento das enerxías renovables, que está a afundir un sector nunha ruinosa situación económica.

• Posición por diante de calquera outro país da UE favorábel a explotación do “fracking”.

• Renovado compromiso nuclear co despropósito sobre a continuidade de Garoña.

Pola súa banda, en catro anos e medio, o goberno do PP na Xunta de Galicia leva á aniquilación calquera política favorecedora do noso contorno, propoñendo proxectos industriais que, lonxe de valida-los informes de impacto medioambiental, proxectan a destrución do noso territorio e da sustentabilidade do mesmo. Así, padecemos:

• Permisividade ante a avalancha de solicitudes de explotacións mineiras, exemplificada na mina que, se non se impide, se instalá en Corcoesto, e que constituirá un grave atentado ecolóxico na comarca de Bergantiños.

• Continua ineficacia da Xunta en materia de residuos, incapaz de avanzar cara unha xestión medioambientalmente sostíbel dos mesmos, coa únicas proposta de repeti-lo erro da creación de Sogama.

• Lei de augas e novo canon da auga cun claro afán recadatorio, e incumprindo a Directiva marco europea da auga, ademais dun abandono continuo na depuración dos nosos ríos e rías.

• Non existindo un compromiso público co interior, prodúcese un abandono masivo do rural, coas terribles consecuencias nas hectáreas de masa forestal arrasadas polo lume nos últimos anos.

• Nefasta política de loita contra os incendios forestais, na que non existe a prevención e se volta a épocas pasadas, responsabilizando da xestión dos lumes aos Concellos.

E todo elo levado a cabo mostrando un claro desprezo á comunidade científica, fronte a calquera vía de participación cidadá, e contra as iniciativas parlamentarias da oposición.

Dende o PSdeG-PSOE, co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, cualificamos cun cero sen paliativos as políticas ambientais do PP.

Fronte a quen pretende privar á Humanidade dun patrimonio natural cuxo goce debe alcanzar a tódalas sociedades presentes e futuras, temos o dereito e o deber de elevar a voz e defendelo.

Tags: , , , , , , , ,