Os socialistas esiximos unha actuación integral na N-525 e recriminamos a Pastor, Rajoy e Feijóo o abandono de Ourense

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, presentou hoxe en rolda de prensa unha proposición no de lei pola que se insta ao Goberno central a aprobar, á maior celeridade posíbel e co orzamento necesario, un proxecto de mellora integral da N-525 ao seu paso pola nosa provincia que mellore o seu estado e garanta a seguridade na mesma.

Xunto á deputada ourensá, compareceron o noso coordinador na comarca de Ourense, Álvaro Vila; Euloxio Fernández, coordinador comarcal d’A Limia e Manuel Rodríguez, alcalde de Coles.

Os catro dirixentes coincidiron en denuncia-lo “abandono” ao que teñen sometido á provincia tanto o Goberno de Rajoy como o de Feijóo e da que é reflexo a “deplorábel” situación en que se atopa a N-525, “unha das arterias básicas que atravesa a provincia”, apuntou Seara.

Os compañeiros criticaron os constantes recortes ou abandonos de proxectos que, iniciados polo Goberno socialista está a realizar o Goberno de Rajoy na nosa provincia, alegando falta de recursos, “cando o que non existe é vontade política” por parte dos populares, en verbas de Seara.

Dende a súa entrada en Galicia pol’A Mezquita ata Dozón, a estrada que vai de Benavente a Santiago de Compostela presenta o tramo con peor estado de conservación e sinalización, afirman os socialistas. Nas comarcas de Monterrei, A Limia e Ourense advertiuse por parte dos propios gobernos locais da mala situación do firme, a presenza de buratos e fendas no asfalto, así como corrementos de terra das cunetas, cheas de maleza na maior parte da N-525.

Salienta a deputada de xeito especial, as dificultades de acceso polo estado do firme dos parques empresariais de Verín, Xinzo e San Cibrao. Destacou ademais como eixos máis degradados os de Mezquita -Verín, Xinzo-Sandiás-Allariz, alto das Estivadas e Taboadela-Ourense-Cambeo.

Os comparecentes criticaron a contumaz negativa da ministra de Fomento, Ana Pastor, no abandono desta vía, “a pesares de que os alcaldes populares de Verín e Monterrei lle tiveran solicitado o acondicionamento ao paso por cadanseus territorios, e agardan que a iniciativa prospere e o Goberno tome conciencia sobre o lamentábel estado desta estrada, na que xa se teñen rexistrado accidentes, incluso con resultado de morte, que xustificarían a inmediata actuación sobre o firme.

Os socialistas puxeron especial énfase no “punto negro de Coles-Cambeo”, exemplo de concentración de accidentes, advertindo que o tramo require unha acción inmediata. Este área ten un elevado nivel de sinistralidade, e as melloras a través de actuacións levadas a cabo nos últimos anos amósanse insuficientes para unha estrada pola que transitan miles de coches tódolos días. O Ministerio, segundo denuncia Seara, deixa no “caixón” un estudio existente sobre este tramo.

A deputada Laura Seara e os dirixentes socialistas que a acompañaron, reclamaron unha “actuación integral e inmediata a través dun plan”. Non aceptan “parches” porque reclaman seguridade para os condutores e habitantes das poboacións pola que discorre esta estrada N-525.

Os deputados do PP de Ourense, apuntou Seara, “deberían ser coherentes co que solicitan os seus compañeiros de partido dende outras instancias”.

Tags: , , , , ,