Os socialistas incrementaremos o contacto coa cidadanía explicando as nosas propostas en materia de emprego e fiscalidade

23/05/2013
By

A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE abordou na súa reunión do pasado luns o recente cese nas súas funcións do presidente do InOrDE, José Manuel Freire Couto. Os socialistas esiximos unha explicación de por qué o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, non aceptou a súa demisión ata hoxe, logo de tela solicitado o Grupo Socialista. Entendemos que o presidente da Deputación debe explicar qué proxectos ten para o Inorde, e plantexamos, nos propios orzamentos da Deputación do ano que ven, a disolución do ente.

O recente estudio do Observatorio Económico Ourensán, mostra con claridade as eivas da nosa provincia. Consideramos chegado o tempo de cambiar a tendencia. É tempo de reorienta-la acción política e cambia-la tendencia. Cremos que os fondos europeos non poden destinarse a rehabilitar estacións de tren, sen ningún tipo de uso, ou centros de interpretación etnográficos que non rexistran actividade. Tampouco é unha opción construir hipódromos ou manter centros ecuestres.

Xunto coa devandita disolución do InOrDE, o Grupo Socialista na Deputación solicitará, no próximo pleno da institución, unha auditoría para coñece-la situación real daquel ente, e rexistrará unha solicitude de comparecencia de José Manuel Baltar para coñece-las accións a desenvolver dende a súa nova responsabilidade.

Os socialistas ourensáns tamén avaliamos, na reunión da nosa Executiva Provincial, a acción política do PSdeG de Ourense. O secretario xeral, Raúl Fernández, anunciou que nas próximas datas se continuará co desenvolvemento de reunións sectorais no conxunto da provincia, trasmitindo as propostas do PSdeG-PSOE en materia de emprego, fiscalidade, ensino e servizos sociais. O compañeiro Fernández, anunciou tamén encontros con afectados polas participacións preferentes, así como a celebración dunha conferencia de alcaldes socialistas para avalia-lo impacto na provincia da Lei de Bases de Réxime Local, e a dun acto con todos os responsales locais para avaliar a acción política socialista nos concellos no ecuador da Lexislatura.

Ademáis, respecto á actividade interna do Partido na provincia, cómpre destacar que nos últimos meses véñense desenvolvendo cursos de formación nas diferentes comarcas, e que a Executiva aprobou un novo calendario de cara ás próximas eleccións municipais.

A Comisión Executiva Provincial valora de xeito positivo o proceso de modernización e cambio que está a vivir o PSdeG-PSOE. Os socialistas queremos comprometernos coa cidadanía, recoñecendo os nosos erros, incluso pedindo perdón por eles, pero sabendo que as políticas da dereita só xeneran máis desigualdade, máis sufrimento e máis paro. Neste senso, a celebración de “primarias” para Secretario Xeral, no mes de setembro, supón a mostra visible do compromiso socialista coa democracia interna e co necesario incremento da participación política. Unha vez máis, os socialistas, e neste caso os socialistas galegos, lideran un proceso demandado pola militancia, só deslexitimado pola dereita, que practica a sucesión dinástica ou dixital como método de designación dos seus dirixentes e candidatos.

O obxectivo dos diferentes procesos orgánicos é recupera-la confianza da cidadanía e transmiti-las propostas que dende o PSdeG-PSOE cremos urxentes e necesarias para frena-la lacra de máis de 300 000 parados en Galicia, 32 000 na nosa provincia, e o paro xuvenil superior ao 50%.

Tags: , , , , , , , , , , ,