Carmen Acuña esixe que se manteña a segunda praza de médico en Rairiz de Veiga

A deputada por Ourense no Parlamento galego Carmen Acuña, ven de defender en comisión unha proposición non de lei para que se manteñan as dúas prazas de mediciña xeral no Centro de Saúde de Rairiz de Veiga.

Este concello, de 1.720 habitantes, contaba ata o de agora con dous profesionais médicos para atender aos doentes do Centro de Saúde.

A Consellería de Sanidade ven de anunciar que se suprimirá unha destas prazas, argumentando que as novas tecnoloxías poden suplir esta asistencia. Sen embargo, os socialistas denunciamos que, precisamente, o rural galego non dispón destes avances tecnolóxicos. Tampouco, lembrou Acuña, se cumpre a ratio de tarxetas individuais sanitarias para desfacerse da praza (1 200), pois Rairiz supera esta cantidade.

A deputada socialista advirte que a redución da presenza a un só facultativo nos centros de saúde do rural retrotrae Galicia á situación de hai medio século, e xera inquedanza pola atención no caso de que xurda unha urxencia e non estea o médico dispoñible por estar con outra persoa.

A Atención Primaria é o servizo encargado de levar a cabo programas de saúde como a atención ao enfermo crónico ou a domiciliaria, que esixen moito tempo, polo que resulta imprescindíbel contar cos recursos humanos necesarios para poder levala a cabo con garantías, o cal “non vai ocorrer en Rairiz se só fica un médico no Centro de Saúde”, segundo Acuña.

A deputada condenou a “complicidade necesaria do alcalde” de Rairiz de Veiga para que esta ameaza se consolide. O rexedor pasou das filas nacionalistas ás populares “non sabemos por qué prezo” preguntouse Acuña, que indicou precedentes da súa participación “na desfeita”que supuxeron os peches da oficina bancaria, da escola infantil e da residencia da terceira idade, existentes no seu concello. Aínda que, como lembra Acuña, a supresión da praza de médico foi decisión da Consellería de Sanidade.

Acuña denuncia que o PP pretende rematar co rural, ou a venta “por catro pesos” de centros da terceira idade e escolas infantís, nun modelo que se está a implantar coa “complicidade dos alcaldes” dese Partido. “Vostedes están pechando o rural”, acusou aos populares, “e non se dan conta de que se pechan o rural, pechan a metade de Galicia”, díxolles Acuña, quen lles lembrou tamén que “non son números, son persoas”.

Tags: , , , ,