Pedimos a Feijóo que esixa a dimisión de José Manuel Baltar como Presidente da Deputación de Ourense, logo da imputación do seu pai por prevaricación

O Secretario Xeral Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e parlamentario autonómico, Raúl Fernández, manifestou hoxe en rolda de prensa a súa satisfacción e a dos socialistas de Ourense polo auto do xuíz Leonardo Álvarez, que imputa a José Luis Baltar un delito de prevaricación. Do mesmo se infire, segundo Fernández, que “actuou en beneficio de Baltar fillo para gañar un congreso e, consecuentemente, achandarlle o camiño para ser Presidente da Deputación de Ourense”.

Lembrou o noso Sº Xeral Provincial que o auto xudicial atende unha querella interposta polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, en relación a 104 contratacións realizadas en 2010 pola Deputación de Ourense e denunciadas, “esgotadas todas as vías políticas” polo Grupo Socialista, do que formaba parte o propio Fernández.

Este feitos son o “suficientemente graves”, continúa Fernández, como para que o PSdeG-PSOE “pida formalmente a dimisión de José Manuel Baltar como Presidente da Deputación de Ourense”.

O Voceiro do Grupo Socialista na Deputación, Ignacio Gómez, insistiu en que “o que está a dicir o Xuíz no auto é moi grave, porque vincula as contratacións a que José Manuel Baltar gañe o Congreso que lle permitiu ser logo Presidente da Deputación”. Para o edil socialista o propio Baltar fillo debera presentar voluntariamente a súa dimisión en coherencia coa demanda de transparencia e honorabilidade que esixe a outros compañeiros do seu propio partido “e aos que pide que se afasten do PP”. Agora “é el o que está en entredito”, afirmou.

Para nós a imputación do expresidente da deputación pode facerse extensiva a todo o grupo que apoiou esas prácticas e das que, na actual corporación “é responsábel o actual Presidente, José Manuel Baltar”, en verbas do compañeiro Gómez.

Os socialistas tamén esiximos responsabilidades ao Presidente da Xunta. “Feijóo sabía o que ocorría” afirmou Raúl Fernández. Culpamos ao Presidente galego e máximo responsábel do PPdeG de tolerar as prácticas caciquís de Baltar durante anos.

Pola súa banda, María Quintas, Sª de Organización Provincial, lembrou que o xefe do Executivo galego dixera que Baltar era o PP, polo que “Feijóo, aparte de explicar por qué veranea con narcotraficantes, ten que dar explicacións e debera esixi-la dimisión de Baltar”.

Ademais do asunto que centrou a comparecencia ante os Medios dos dirixentes socialistas, Fernández adiantou o interese de seguir a evolución doutros asuntos que ten o Partido Popular de Ourense, como o caso do alcalde de Baltar, “ás portas de acudir ao xulgado”, o do delegado da Xunta, Rogelio Martínez, ou o do alcalde de Carballiño, tamén imputado.

Tags: , , ,