Pachi Vázquez afirma que a Feijóo se lle está a cae-lo castelo de naipes de adaíl da transparencia e da austeridade, e cre que aínda se coñecerá máis a fondo a súa relación con Dorado

06/04/2013
By

IMG-20130406-WA0004

O Secretario Xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo con cargos institucionais e orgánicos socialistas da provincia de Ourense e militantes e simpatizantes de Ribadavia. Unha xornada sobre os problemas da xente que contrasta coa parálise e a mentira na que está inmerso o goberno galego e o PP, a xuízo do compañeiro.

Nunha pausa para a atención aos Medios de Comunicación, Vázquez referiuse á publicación das fotos de Marcial Dorado co Presidente Feijóo, para salienta-lo “inmenso dano que lle fan a este país”, porque, explicou, “retrotráennos a unha época na que se vinculaba a Galicia cunha actividade denostada pola sociedade; e, sobre todo, porque cada día que fala el ou alguén do seu entorno, se comproba que está mentindo, ocultando, tratando de tapar algo sobre o que xa ninguén o cre”.

A este Presidente, que era “o adaíl da transparencia e a austeridade”, todo lle está a caer coma se fose un castelo de naipes, afirma o noso compañeiro, quen afirmou que, coma calquera galego ou galega, el pasa o fin de ano en familia e coas persoas que mais estima, mentres que “Feijóo pasaba o Fin de Ano con Marcial Dorado, e non hai ningún galego que non pase o fin de ano con alguén con quen teña moita relación”, sinala o dirixente socialista.

Preguntado polas declaracións do Valedor do Pobo nas que afirmaba que as fotos publicadas non tiñan interese xornalísitico, Pachi Vázquez replicoulle que o pobo ao que ten que defender é ao pobo galego, “o que se manifestaba polas rúas nos anos 90 contra os narcotraficantes, cando o actual Presidente da Xunta paseaba en iate cun dos maiores” deles; e pediulle ao Valedor que defenda “aos que sofren, ás familias que tiveron vítimas do narcotráfico, aos que seguen cunha vinculación co mundo da drogadición”, lémbrándolle que Marcial Dorado está na cadea por estar relacionado cun alixo de 6 500 quilos de cocaína. Vázquez advertiu: “xa está ben de dobre moral: o Valedor ten bastante que facer sen meterse en charcos”.

O Secretario Xeral Nacional anunciou que os socialistas preguntaremos ao Ministro de Xustiza polo feito de que a Policía lle pedira ao xuíz que saíse a defender a Feijóo. “No sistema xudicial que coñezo, nunca a Policía manda ao xuíz, senón ao revés”, lembrou o compañeiro, quen tamén se preguntou acerca de que pintan nesta relación de nove anos de Feijóo con Dorado a Policía e o xuíz. “¿Qué houbo para dicir que non hai nada?; ¿cómo pode absolve-lo xuiz Taín, como di o PP, se non houbo investigación?”, plantexou Vázquez, quen en todo caso, dixo non compartir a visión dese xuíz verbo da relevancia da fotografías atopadas no rexistro ao ‘narco’, e se puxo no caso confesando: “se vexo que o número dous da Consellería de Sanidade está en moitas fotos con este señor non se me ocorrería pensar que non teñen importancia”.

O compañeiro insistiu na diferente acción política de socialistas e populares: “nós estamos a traballar noutra cousa diferente, como, por exemplo, en por qué han ter que paga-lo autobús escolar os rapaces de Ribadavia; porque, aínda que a lei di que os habitantes do rural estarán exentos de paga-lo transporte e o comedor escolar”, a Xunta lles aplica unha taxa, concluindo que Galicia ten “un Goberno que se adica a enganar”.

Pachi Vázquez instou á Xunta de Feijóo a que invite “a ve-los floteis a Vigo, os coches eléctricos de Melón e o dique flotante de Ferrol”, denunciando que o goberno galego “está agochado e agocha ao seu Presidente”, quen pronto, como en Madrid, “fará segui-las rodas de prensa por unha televisión de plasma”.

Preguntado acerca da postura do PP sobre o AVE a Galicia e a estación de Ourense, o compañeiro Vázquez afirmou que “os mesmos empresarios que non lles chegaba co AVE, a estación soterrada, Norman Foster e dous ovos fritidos, agora din que non precisan nada, que non queren líos”, concluindo que existe unha dobre moral da dereita empresarial e política de Ourense que leva a votar unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid, á que contrapuxo o feito de que “os socialistas só temos unha postura, o xogamos todo a unha soa carta: a estación central do AVE galego en Ourense”; e advertiu de que traballar contra iso “é alta traizón”, lembrando que “o PP pasou de esixir no pacto do Obradoiro datas e máis cada quince días, a dicir que carece de importancia”.

Nese senso, o Secretario Xeral laiouse de que aos de Ourense “nos toca outra vez apandar e que nos saquen o pouco que temos”, e insistiu en que, sendo realistas, “tócanos á terceira cidade de Galicia se-la estación central” do país, advertindo: “xa está ben de traizoar a esta provincia e a esta cidade”.

Tags: , , , , ,