Xuventudes Socialistas de Ourense tildan de ‘escarnio’ o incremento nas tarifas dos equipamentos xuvenís da Xunta

31/03/2013
By

 

A Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia vén de aprobar, o pasado 18 de marzo, a orde que establece os prezos para o ano 2013 dos servizos, actividades e equipamentos xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, incluidos os Campamentos de Verán, os albergues ou as residencias de estudantes, como pode ser a “Residencia Florentino López Cuevillas”, no centro da capital provincial.

Trala súa publicación no D.O.G. do pasado do pasado luns 25 de Marzo, a Agrupación de Xuventudes Socialistas da cidade denuncia que este é o segundo ano consecutivo no que as tarifas son incrementadas, chegando a se-los prezos dalgúns servizos ata un 27% máis caros que no 2011.  Destacan o incremento nas tarifas dos Campamentos de Verán, cuxo prezo aumentou nestes dous anos, para as estadías quincenais, nun 22,8%, e para as diarias, nun 27,3%. Outro exemplo sería o caso dos Campos de Traballo Nacionais e Internacionais, cun incremento entre 2012 e o 2013, dun 25%.

O caso máis preocupante é, para os mozos socialistas ourensáns, o incremento na tarifa das Residencias de Estudantes, orientadas a mozos e mozas con menos recursos (pois o criterio de admisión atende, esencialmente, a circunstancias socioeconómicas dos solicitantes), e que presenta un incremento, entre 2011 e o 2013. dun 23,2%.

Para o Secretario Xeral de XX.SS., Jonathan Da Silva, este tipo de decisións, “que supoñen un aforro ínfimo para a Xunta de Galicia, denotan unha absoluta falta de sensibilidade da Dirección Xeral de Xuventude”. Da Silva recoñece que “non somos tan ilusos como para esperar da súa parte, a estas alturas, algún tipo de iniciativa novidosa e creativa para tentar atenuar un paro xuvenil que chega ao 50%, pero non é moito pedir que non fagan escarnio dos xóvenes galegos”.

Tags: , ,