Os socialistas denunciamos máis manipulación política na TVG para agocha-la presunta corrupción no PP de Galicia

A voceira do Grupo Socialista na Comisión da CTVG do Parlamento galego, María Quintas, denunciou unha “burda manipulación” da dirección da Compañía para agocha-la presunta corrupción no PP de Galicia. A deputada e Secretaria Provincial de Organización presentou unha pregunta oral sobre a denuncia do Comité de Empresa diante as presións exercidas sobre o equipo de informativos no tratamento dos casos que afectan ao PP galego.

A compañeira denunciou a “manipulación absoluta” por parte da dirección no tratamento do “Caso Bárcenas”, a presunta conexión do PP de Galicia co financiamento ilegal do PP estatal, a vinculación deste partido e o seu exsecretario de Organización, Pablo Crespo coa trama “Gürtel” e o “caso Bárcenas”, así como as imputacións dos seus dirixentes na “Operación Pokémon”. Quintas detallou a “burda manipulación” destes casos nos informativos da TVG, nos que foron “postos en lugares secundarios cando non directamente obviados” para agocha-la relación do PP galego cos mesmos, e criticou que esta cadea traballa “como gabinete de prensa do PPdeG”, exercendo como “correa de transmisión” deste partido.

A parlamentaria socialista sinala que a televisión autonómica ampara unha “manipulación visébel e cuantificable” a través de “presións e intervencións” sobre o traballo dos profesionais. Segundo Quintas, a realidade é que se “minimizan e censuran os conflitos para non dar información sobre os problemas reais e non contrarresta-la imaxe de tranquilidade que quere ‘vender’ o PP”. Acusou ao Director Xeral do Ente de “devolver á TVG aos peores tempos de manipulación informativa”, agochando mesmo a publicación dos papeis do extesoureiro do PP nas revistas de prensa dos espazos informativos.

María Quintas secundou a solicitude do Comité de Empresa da CRTVG para poñer en marcha “un mecanismo que evite as presións”, para garantir “a liberdade e independencia” no traballo diario dos profesionais.

A compañeira considera “urxente” a creación do estatuto profesional e do Consello de Informativos no que participen os profesionais do Ente, contemplados pola Lei de Medios de Comunicación Públicos de Galicia, e que a día de hoxe non se desenvolveron.

Tags: , , , ,