Miguel Fidalgo esixe a finalización das obras do AVE en Ourense e asegura que “Galicia non ha de permitir unha Alta Velocidade en ‘simulación’ nin un AVE ‘en diferido’ “

O noso senador, Miguel Fidalgo, criticou na sesión de control parlamentario da Cámara Alta a indefinición e a falta de resposta da Ministra de Fomento, Ana Pastor, en relación á data de licitación e contratación das obras de Alta Velocidade no tramo de entrada na capital da provincia e a súa estación d’A Ponte.

Fidalgo preguntouse como é posíbel que no proxecto da Alta Velocidade a Galicia, de 617 quilómetros, estea todo o traxecto licitado fóra deses 17 quilómetros, e que se investan 13 000 millóns de euros (9 500 entre Olmedo e A Coruña) e non se poida remata-lo proxecto, faltando tan só un investimento final de 300 millóns de euros. Tras lembrar que “o AVE págano os impostos de todos os españois”, subliñou que “o atraso desta infraestructura ata o 2015 é responsabilidade súa e do PP; Galicia non ha de permitir unha Alta Velocidade en ‘simulación’ nin un AVE ‘en diferido’: queremos o que Galicia necesita para comunicarnos en condicións de igualdade co resto do territorio nacional”, apostilou o compañeiro.

Miguel Fidalgo tamén lembrou á titular do Ministerio de Fomento que o Rajoy a nomeou Ministra para xestionar infraestructuras como esta, de grande importancia para Galicia, e que o anterior Goberno fixo un enorme esforzo para sacala adiante, puntualizando que a Alta Velocidade a Galicia consta de 617 quilómetros e que a metade deste proxecto está funcionando entre Madrid e Olmedo e Ourense e A Coruña, lamentando que “a outra metade, ou está en obras ou acabada: o tramo entre Olmedo e Zamora está prácticamente rematado, o de Zamora a Puebla de Sanabria deberíase remata-lo vindeiro ano, e o de Puebla de Sanabria a Ourense está en obras, contratado ou licitado, e só fican eses derradeiros dezasete quilómetros da entrada á cidade”.

O noso senador concluíu manifestando a súa preocupación e a da provincia de Ourense polo “atraso inxustificado da licitación” deste tramo de 17 km, o único que queda para completar a rede.

Tags: , , , , ,