Seara acusa ao Goberno central de facer “unha sopa de números” cos datos de execución do AVE na nosa provincia durante o ano pasado

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de recibir unha resposta parlamentaria do Goberno central na que este fai unha “sopa de números” cos datos de execución do AVE na nosa provincia durante o 2012. O obxectivo do Goberno con esa lea sería, segundo a compañeira, provocar confusión de datas e demorar aínda máis a chegada do AVE a Galicia. Por a deputada anuncia que presentará unha batería de iniciativas parlamentarias coas que pedirá ao Goberno que detalle a execución en cada un dos tramos do AVE na nosa provincia.

O Goberno sostén na súa resposta que o executado por ADIF na provincia de Ourense con cargo á partida da LAV Olmedo Lubian-Ourense no ano 2012 ascendeu a 531 905 000 €. Pero Seara lembra que, segundo datos aportados polo propio Ministerio de Fomento, a execución do AVE na provincia de Ourense no primeiro semestre de 2012 foi de 59,6 millóns de euros, tan só un 8,43% do orzamentado. Posteriormente, en outubro de 2012 Fomento sostivo que en setembro a execución ascendía a 133 millóns de euros, un 16,6% do que se presupostara. “E agora o Goberno di que a execución do 2012, aínda sen pechar o exercicio foi de 531,9 millóns, o que suporía algo máis dun 75% do orzamento”, di a compañeira, do que infire que “os datos que ofrece o Goberno son contradictorios”. Por iso lle pedirá, con novas iniciativas parlamentarias, “que aclare estes confusos datos e explique se realmente a execución do AVE na provincia pasou en menos de tres meses do 16% ao 75%”

Seara sinala que, en todo caso, “os datos non encaixan; son confusos e caóticos; e o Goberno debe explicar este desaguisado”, xa que “Ourense necesita certezas e non confusións”, e que, “tal e como advertimos os socialistas galegos no seu día, o Goberno non executou a totalidade do orzamento de 2012 para a liña de alta velocidade Olmedo-Lubian-Ourense: ao parecer, a tenor da resposta, dos 701,4 millóns de euros, deixaron sen executar 170 millóns”.

Ante a devandita resposta do Goberno central, a compañeira considera “rechamante que Rajoy se reunira con Feijóo para prometer que o AVE chegará a Galicia no 2018 e asegurar que cumprirá os prazos grazas aos investimentos que está realizando e aos que ten previsto realizar”, pois “se o Goberno de Rajoy non está realizando na súa totalidade os investimentos que se están a executar, tal e como demostra a resposta parlamentaria, e os investimentos dos anos vindeiros están por ver, a credibilidade de Rajoy nestes intres respecto da data da chegada do AVE a Galicia, é máis que cuestionábel”, conclúe. Por iso, Seara insta a Feijoo a “que revise os datos que lle deu Rajoy sobre o AVE a Galicia na reunión que mantiveron, porque as contas de Rajoy son contradictorias”.

“Á confusión que de novo xera o Goberno con esta resposta, engádense os ataques de sinceiridade” da Ministra Pastor cando recoñeceu, en respostas parlamentarias, que o AVE a Galicia se prevé estea rematado para 2018 “en principio”, suxeito ao “cumprimento da programación establecida en estudos e proxectos”. Este novo prazo confirma, para Seara “un atraso de tres anos na chegada do AVE a Galicia”, de xeito que, compracéndose delo, “Feijóo sentenza e enterra o Pacto do Obradoiro”, que fixaba como data límite o 2015, e que “el mesmo asinou”. É máis: con este “mareo de cifras ao que xoga o Goberno”, Seara teme que o atraso “sexa aínda maior”.

Así mesmo, a deputada remarca “as dúbidas sementadas por Pastor e polo Goberno do PP sobre se respectarán o proxecto de integración do AVE” na capital con “plenas características de Alta Velocidade” ou se, ao contrario, aproveitan “o trazado da vergoña”, condenando ao AVE a Galicia ao paradoxo de se-lo único do Estado que non será de alta velocidade. Seara lembra que ela mesma rexistrou no Congreso, en representación dos socialistas ourensáns e galegos, unha Proposición non de Lei para que o Goberno garanta a execución dos tramos Taboadela-Seixalbo e Seixalbo-Estación de Ourense, conforme á declaración de impacto ambiental aprobada no 2011 polo Goberno socialista, e que supón a construción da variante exterior.

Neste senso, a compañeira considera que “tampouco é fiábel que cumpran coa programación establecida, como no caso do proxecto da estación intermodal” da capital, que o Goberno socialista adxudico no 2011, e que o do PP paralizou ao compás da ambigüidade de “soterramento agora si, soterramento agora non, soterramento agora quizáis”.

Tags: , , , , , ,