Miguel Fidalgo reclama ao Goberno central que se comprometa coa apertura do Centro de Interpretación dos Parques Naturais de Galicia, e denuncia a “enorme incompetencia” da Xunta

O noso senador por Ourense e Secretario Nacional de Formación, Miguel Fidalgo, reclamou esta tarde ao Goberno que se comprometa e fixe unha data para a apertura do Centro de Interpretación dos Parques Naturais de Galicia, e denunciou a “enorme incompetencia” da Xunta na xestión deste proxecto.

Fidalgo interveu na Comisión de Medio Ambiente e Cambio Climático da Cámara Alta, e lamentou que o Secretario de Estado de Medio Ambiente, Federico Ramos, non respostase e se limitase a repeti-lo argumentado hai oito meses nesa mesma Cámara en resposta a unha pregunta do propio senador galego; isto é: que “todo queda pendente da súa finalización á espera dun novo convenio que depende da dispoñibilidade orzamentaria”.

Ante esto, Fidalgo lembrou que no 2008, a Xunta e o Goberno central asinaron un convenio para poñer en marcha este centro co obxectivo a difundi-la biodiversidade de Galicia. O devandito convenio prometía unha achega do Ministerio de sete millóns de euros (financiado con fondos europeos) mentres que a montaxe museística posterior sería levada a cabo a Xunta. Porén, segundo lembrou o senador, a finais de 2011 a Xunta non cumprira un trámite técnico na sinatura da prórroga da finalización do convenio, e o edificio ficou a medio construir, impedindo ao Goberno gasta-los catro millóns pendentes.

En vésperas das eleccións autonómicas do 2012, a Xunta anunciou que se ía a asinar e prolonga-lo convenio en dous anos, para termina-la actuación no 2015; pero o certo é que non houbo ningún resultado posterior.

Miguel Fidalgo subliñou que “dende entón, é un monumento ao escándalo da xestión da Administración, o esqueleto dunha estrutura no conxunto do área termal de Ourense”, e amosouse convencido de que, neste tema, o Goberno central foi “ineficaz”, mentres que a Xunta “actuou de xeito sectario e en clave de castigo político”, mostrando a súa “enorme competencia”.

Tags: , , , ,