Os socialistas de Ourense apelamos á unidade de toda a sociedade ourensá para que o Goberno central garanta o AVE a Ourense con plenas características de alta velocidade

O noso Secretario Provincial e voceiro socialista de Infraestruturas no Parlamento galego, Raúl Fernández, e a nosa deputada no Congreso, Laura Seara, reuníronse esta mañá coa Confederación Empresarial de Ourense, co fin de presentarlle aos empresarios a Proposición non de Lei que os socialistas presentamos no Congreso sobre a integración da Alta Velocidade en Ourense.

Nestes intres, en verbas dos nosos deputados “o Goberno do PP está poñendo en risco a Alta velocidade a Ourense e, xa que logo, a Galicia”, polo que consideramos que “é esencial a unidade das forzas políticas e axentes económicos e sociais da provincia para que o Goberno manteña, para a integración do AVE na cidade, un proxecto con plenas características de alta velocidade”.

A Proposición non de Lei socialista insta así ao Goberno a garantir que a integración urbana do AVE na cidade de Ourense se realizará de acordo ao proxecto vixente actualmente, e con características de alta velocidade, así como a que o Goberno licite o máis axiña posible as obras de construción dos dous tramos nos que se subdividiu a integración urbana na capital provincial: Taboadela-Seixalbo e Seixalbo-Estación de Ourense Empalme, derradeiros tramos pendentes da Liña de Alta Velocidade entre Galicia e Madrid.

Os socialistas ourensáns advertimos de que “se Fomento cancela o proxecto vixente e usa o actual trazado, -o ‘trazado da vergoña’, estará mantendo unha vía do século XIX, non apta para o AVE, nunha liña de alta velocidade do século XXI, condenando así ao AVE a Galicia a se-lo único do Estado que non terá realmente características de alta velocidade”.

Deste xeito, instan ao Goberno a que garanta a execución dos tramos Taboadela-Seixalbo e Seixalbo-Estación de Ourense Empalme, de acordo á declaración de impacto ambiental aprobada no 2011 polo Goberno socialista e que supón a construción da variante exterior.

Para nós, “a falta de respecto do Goberno aos ourensáns e aos galegos é intolerábel: levan máis dun ano dicindo que están estudando se facer ou non o soterramento que sempre defenderon, e agora sementan dúbidas sobre se realizarán o proxecto aprobado, que si era alta velocidade, ou ben aproveitarán un trazado que non permite a alta velocidade”. Neste senso lembramos que o soterramento, que encarecería a integración do AVE na cidade en máis de 400 millóns de euros, foi unha continua esixencia do PP cando estaba na oposición, e que o Goberno socialista xa o descartara por inadecuado.

E é que “coa chegada do PP ao Goberno en Madrid, as contradicións e as mentiras sobre a Alta Velocidade a Ourense e a Galicia foron constantes”, segundo os nosos deputados; que defenden que “os ourensáns e os galegos merecemos saber cal é o proxecto de Alta Velocidade do PP; e esperamos que o Goberno escoite agora o clamor de toda a sociedade ourensá por un AVE que sexa realmente de alta velocidade; un clamor ao que xa se suman incluso algúns membros do propio PP”.

Os compañeiros deputados anunciaron tamén que o PSdeG presentará iniciativas similares no Parlamento galego.

Tags: , , , , , , ,