Miguel Fidalgo asegura que o PP terá que “render contas aos cidadáns” tras rexeitar no Senado que se manteña a liña ferroviaria que une Ourense con Puebla de Sanabria

O senador socialista pola nosa provincia e Secretario Nacional de Formación, Miguel Fidalgo, asegurou esta tarde que “o PP terá que render contas aos cidadáns” despois de que rexeitase na Cámara Alta unha moción presentada polo PSOE pola que se reclamaba o mantemento do servizo de transporte de viaxeiros por ferrocarril na a liña Ourense – Puebla de Sanabria. A proposta, defendida polo propio Fidalgo e o senador por Zamora José Fernández Blanco, foi desestimada debido ao voto en contra do PP, que conta con maioría absoluta. Trala votación, o compañeiro afirmou que, con esta decisión, o Goberno e o Grupo do PP no Senado “traizoan ao PP de Ourense, aos alcaldes e ás Deputacións” afectados.

A moción reclamaba do Goberno mante-lo servizo de transporte de viaxeiros por ferrocarril actualmente existente na devandita liña, e a colaboración das Comunidades Autónomas de Galicia e Castilla y León, Deputacións de Ourense e Zamora e outras administracións, para manter unha boa oferta de transporte público de viaxeiros, con horarios e tarifas adecuadas.

Na súa intervención, Fidalgo subliñou a necesidade de manter este servizo ferroviario baseándose na articulación territorial de España, en contra do Plan de Racionalización de Transporte Ferroviario, aprobado polo Goberno central o pasado 28 de decembro, “curiosamente o día dos Santos Inocentes”. Neste punto, puntualizou que cando o PP fala de “racionalización”, sempre acaba referíndose á supresión de servizos públicos.

Tamén ironizou sobre o manido argumento da “herdanza recibida”, tan utilizado polos dirixentes do PP e afirmou que, con esta medida, se “deshereda aos ourensáns e zamoranos” privándoos dun servizo público de gran relevancia; e lembrou que o Goberno socialista mantivo o mesmo malia que a Xunta decidise suprimi-las subvencións que aportaba.

O noso senador lembrou que o PP de Ourense asegurara no seu día que se ía a negociar co Goberno central unha solución a esta cuestión, pois a opción agora manifestada polo Goberno do PP ten o rexeitamento das provincias de Ourense e Zamora, ata o punto de que -di Fidalgo- “a Ministra de Fomento logrou algo histórico, algo tan difícil como que PSOE, BNG, PP, sindicatos, Concellos, a Deputación que preside o Presidente provincial do PP, e os usuarios, se manifestaran rotundamente en contra da supresión deste servizo”, que o senador considera imprescindíbel para dúas provincias que van perdendo paulatinamente poboación e actividade económica, xa que comunica ambas e cinco comarcas, sendo utilizado por moitos cidadáns, estudantes e traballadores. Porén, non hai, segundo lembra o compañeiro, ningunha alternativa de transporte público (nin por terra nin por aire)

Fidalgo, tras insistir en que é necesario lograr unha mellor oferta comercial e conseguir máis viaxeiros para o tren, destacou que o PP terá agora que render contas aos cidadáns, xa que os ourensáns “non imos permitir que se xogue e se engane á opinión pública, nin que se sigan facendo fotos sen contido”, e lamentou que o Goberno só traia atrasos e recortes.

Tags: , , , ,