Os socialistas responsabilizamos ao PP de traer máis paro, corrupción e sufrimento a Galicia

A voceira socialista de Traballo no Parlamento de Galicia e Secretaria de Organización da Executiva Provincial, María Quintas, afirmou que dende que o PP irrompeu de novo en Galicia e no Estado “só trouxeron mentiras, máis paro, corrupción e sufrimento”.

Ao longo da exposición dunha interpelación á Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, a parlamentaria ourensá reprochou ao goberno da Xunta que Galicia se convertera na comunidade autónoma na que máis cae a afiliación á Seguridade Social, mentres o Executivo de Feijóo reduce o orzamento en políticas de emprego e “nin sequera o executa”.

Quintas recriminou á Conselleira de Traballo que o paro xuvenil supere o 48% en Galicia, cunha taxa de crecemento do 34%, “das máis elevadas do Estado”; e iso sen contarmos coa fuxida de mozos que, lembrou “a ministra alemá está encantada de recibir” pola súa cualificación, mentres que “o PP está encantado de que setentsa xóvenes se marchen a diario de Galicia”.

Lembrou Quintas que dende a reforma laboral de Rajoy hai 37 000 galegos máis no paro, subiu a taxa de desemprego xuvenil dez puntos, hai 37 600 xóvenes menores de vintecinco anos en paro (5400 máis ca hai un ano), 92 000 fogares teñen a tódolos seus membros no paro, e 129 000 non perciben ningunha axuda. Para a compañeira, a política do PP en materia de emprego lévanos a unha Galicia “insolvente e sen futuro”.

A nosa deputada criticou a constante referencia ao Goberno socialista da conselleira, lembrándolle que en Galicia só houbo cinco anos de Gobernos socialistas en máis de trinta de autonomía. “Señora Mato: vostede hérdase a si mesma”, replicoulle, para cominala a continuación a facer algo en materia de emprego, en lugar de “precarizar, privatizar e desprezar á cidadanía, arrasando cos dereitos e a dignidade das persoas”.

Quintas reduciu a política de emprego da Xunta “ao que fixo sempre a dereita: submisión ou emigración”, e citou o caso da nosa provincia, “onde a política de emprego chámase Baltar”, estilo co que colaborou a propia Consellería “mandándolle uns cartiños” ao presidente da Deputación, para “colocar aos que están nun ERE noutros concellos”.

Tamén mencionou o caso dunha prima do Presidente da Xunta que foi nomeada para ocupa-la dirección da Casa da Xuventude, e á que “se lle crea unha praciña de educadora” ante a previsíbel imposibilidade de optar por méritos ao vindeiro concurso de traslados.

Respecto aos Orzamentos da Xunta, Quintas cualificounos de “decepcionantes e tramposos”, xa que abren a porta á privatización sistemática do sector público, acollen un descenso do 40% nas políticas activas de emprego e o recorte de 464 millóns de euros só nos capítulos de desenvolvemento empresarial, promoción de emprego, I+D+i, Sanidade, Educación e accións social. “Os orzamentos agochan un discurso reaccionario”, resumiu.

A voceira socialista tamén lembrou as perdas de poder adquisitivo dos traballadores nestes últimos anos de gobernos do PP en Galicia e no Estado, nomeadamente a dos pensionistas, os empregados públicos e os traballadores vía depreciación salarial xeral e do Salario Mínimo Interprofesional, reducións de xornada con baixa e salario, e convenios colectivos por baixo do IPC.

En resumen, segundo deputada, o balance da Xunta do PP reflicte que “nos fogares galegos irrompe a pobreza, a desigualdade e o risco de exclusión social en familias que hai pouco formaban parte da clase media”, lembrando que en Galicia 662 000 persoas viven no limiar da pobreza e en risco de exclusión social, e 100 000 en pobreza extrema, e que o 20% dos nenos viven en fogares pobres.

Tags: , , , , , ,