Seara: “a Lei de taxas xudiciais non só é anticonstitucional; é o colmo da inxustiza; por iso o PSOE presentou recurso”

A Secretaria Nacional de Coordinación Institucional e Participación e deputada pola nosa provincia no Congreso, Laura Seara, mostrou a súa satisfacción polo recurso de inconstitucionalidade que presentou o Grupo Socialista desa Cámara contra a Lei de taxas xudiciais aprobada polo PP, que Seara cualificou de “absolutamente discriminatoria e inxusta”, acusando ao PP de atentar con ela, unha vez máis, contra os cidadáns con maiores dificultades económicas e sociais”.

A deputada lembra que o PSdeG de Ourense se mobilizou amplamente nos últimos meses contra as taxas xudiciais e se reuniu en diversas ocasións co Colexio de Avogados de Ourense para aborda-las negativas consecuencias que a aplicación da Lei de taxas xudiciais ten sobre os cidadáns. Por iso, a compañeira destacou “a actitude responsábel e belixerante” dese Colexio, lembrando a presentación por parte do mesmo, ante a Audiencia Nacional, dunha demanda de suspensión cautelar da Orde Ministerial de aplicación das taxas xudiciais, e dun recurso de reposición que para alegar contra os argumentos recolleitos no auto e que seguían basicamente a tese da abogacía do Estado.

Ao longo de ditas reunións, a voceira do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados, Soraya Rodríguez, o Secretario Federal de Relacións Institucionais e Política Autonómica do Partido, Antonio Hernando, o exministro de Interior e ponente da Lei, Antonio Camacho, e a propia Seara, anunciaran ao Colexio de Avogados de Ourense a intención do Grupo Socialista de presenta-lo recurso de inconstitucionalidade contra as taxas xudiciais. Pola súa banda, o Grupo Socialista presentou multitude de iniciativas parlamentarias no Congreso contra estas taxas, así como mocións nos concellos da nosa provincia de Ourense e do resto de Galicia.

A compañeira afirmou que, coa devandita Lei, “o PP vulnera o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, recollido na nosa Constitución”, aínda que non se trata do único precepto constitucional que incumpre a Lei de taxas xudiciais, engadindo os referidos ao dereito á gratuidade da Xustiza, ao dereito á igualdade e o principio de capacidade económica no establecemento de tributos, xa que esta Lei do PP “establece unha discriminación inxustificada entre os cidadáns que teñen recursos económicos para facer fronte ás elevadas taxas xudiciais e os que non, e marxina e castiga” a colectivos aos que, ao contrario, se debe “conceder unha especial protección”.

Xa que logo, a Lei en cuestión constitúe para a compañeira “unha nova ‘receita’ do PP, que adelgaza, aínda máis, á maioría dos cidadáns”.

Tags: , , , , , ,