Seara: “Rajoy volta a ignorar a Galicia”

A Secretaria Nacional de Coordinación Institucional e Participación e deputada pola nosa provincia no Congreso, Laura Seara, considera “indignante” o discurso que o Presidente do Goberno, Mariano Rajoy, realizou no Congreso no Debate do Estado da Nación.

Para Seara “nunca houbo un discurso dun Presidente do Goberno máis afastado da realidade dos cidadáns aos que en teoría representa”. Así, sinala que “mentres os cidadáns sobreviven como poden, afogados por un Goberno do PP que leva un ano castigando sistemáticamente aos que menos teñen, o Presidente do Goberno vén hoxe ao Congreso a presumir de salvar ao país”.

“Rajoy faltou de novo ao respecto aos traballadores, aos desempregados, aos anciáns, ás mulleres, aos mozos, aos enfermos, aos estudantes e, especialmente, a un millón e medio de familias nas que ningún dos seus membros recibe ingreso ningún”, sostivo a compañeira.

A deputada destaca “a desastrosa xestión que Rajoy fixo da crise, sen políticas de crecemento e con brutais e arbitarios recortes, levou a España a ser hoxe un país máis empobrecido, máis inxusto, e cunha maior división social entre os que máis e os que menos teñen, entre os que poderán estudar e os que non, entre os que poderán acceder á Xustiza e os que non e, ata entre os que gozarán dunha adecuada asistencia sanitaria e os que non; unha fractura social que será difícil de superar”. Por iso, considera que “Rajoy terá que render contas no futuro da situación á que levou a España”.

Respecto de Galicia, Seara reprocha que “Rajoy voltou a ignorar a Galicia no Debate do Estado da Nación”, demostrando “unha vez máis que Galicia non está entre as prioridades do seu Goberno”. A compañeira remarca que o Presidente do Goberno do PP se esqueceu “dos parados galegos cando anunciou axudas a desempregados noutras Comunidades Autónomas, malia ser Galicia a segunda na que máis creceu o paro”. Neste senso, Seara constata que “é de esperar que Feijóo ficará calado, agochado, cómplice, como en tantas ocasións”.

Tags: , ,