Baltar, referente do emprego do Partido Popular en Galicia

A deputada no Parlamento galego María Quintas, ven de defender no Pleno de hoxe unha Proposición Non de Lei pola que se insta á Xunta a que manteña o servizo de orientación laboral como peza clave das políticas de emprego e destine para elo os fondos nos Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2013.

Na súa intervención, Quintas aludiu a José Luis Baltar como “referente do emprego do Partido Popular en Galicia”. A política de Baltar é coñecida en Galicia dende hai moitos anos, afirma a deputada ourensá, quen se gabou de que se admitira finalmente a trámite a denuncia socialista polos enchufes na Deputación, ao tempo que criticaba que non houbera en todos estes anos unha “actuación de oficio”.

Para Quintas, as presuntas prácticas caciquís de Baltar definen a situación do emprego en Galicia: “ou fincar o xeonllo ou coller a maleta”.

A continuación, Quintas dirixiuse á bancada do Goberno para esixir que o Presidente Feijóo cese ao Delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, porque “admitiu que levou fondos europeos, alegando despois que o asunto prescribira”. Quintas tamén reprobou que Feijóo considerara “acertada a política do imputado Sr. Martínez” a quen acusou de estar dende 2005 “xogando co futuro dos ourensáns e quedándose con miles de euros que non sabemos a onde van”.

A parlamentaria lamentou que estas políticas “nos leven a esta situación”, en alusión á presenza arredor da cámara dun cordón policial formado por nove furgóns en previsión de protestas na rúa. “Cada vez resulta máis complicado protestar, nos micrófonos da Cámara e fóra dela”, dixo Quintas, quen acusou ao PP de aplicar un programa de “Goberno de dereitas”, que pretende a privatización do Servizo de Orientación do emprego, o que beneficiaría ás Empresas de Traballo Temporal.

O Orzamento é o verdadeiro programa dun Goberno, afirmou Quintas e o Orzamento da Xunta “constata a despreocupación polos servizos públicos e o emprego; é un programa de dereitas ao que non lle importan os desempregados”, acusou Quintas, “porque queren suplir pola vía do privado, o servizo que prestaban os 109 orientadores laborais” que perderon o seu traballo en decembro.

Tags: , , ,