Miguel Fidalgo suxire ao ministro Arias Cañete a necesidade de fortalece-los mecanismos de control e a transparencia informativa na xestión dos fondos públicos

O senador socialista pola nosa provincia, Miguel Fidalgo, suxeriu esta tarde ao Ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Miguel Arias Cañete, a necesidade de fortalece-los mecanismos de control e a transparencia informativa na xestión dos fondos públicos.

Fidalgo, que interviña na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación da Cámara Alta, denunciou a opacidade administrativa e o entorpecemento no acceso aos rexistros, e subliñou que é inexplicábel que non se poida dispoñer de información concreta sobre o destino do diñeiro público, e dirixiuse ao Ministro para preguntarlle polas empresas beneficiadas por subvencións ou axudas con cargo aos programas europeos de desenvolvemento rural en Ourense. Cañete afirmou que se trataba dunha cuestión da Comunidade Autónoma, e que non era competencia do Goberno central.

Miguel Fidalgo tamén se interesou polas irregularidades na xestión de programas de desenvolvemento rural en Galicia, e pola devolución dos fondos do programa comunitario “Leader” cuxo gasto non foi xustificado polo grupo de acción local CEIVAM, encargado da súa xestión. O compañeiro lembrou que o citado grupo estivo presidido polo Delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, que foi denunciado como presunto autor de fraude, falsidade documental e malversación de fondos públicos europeos por valor de 51 900€, destinados, en principio, á construción dunha planta de biomasa e diversos talleres artesanos.

O noso senador sostivo que é un mal sinal para os cidadáns que se oculte información e que un dirixente como o propio Martínez, pendente de ser procesado, se mantéña no seu cargo. Na súa quenda de resposta, Cañete confirmou que estes fondos xa foran reintegrados ás arcas públicas. Fidalgo concluíu insistindo en que o Goberno ten que aprender casos coma este, e estudar medidas para que non haxa zonas escuras en calquera procedemento de gasto público. Tense que saber quen recibe o diñeiro e comprobar que se destina a ese uso; “é a mellor vacuna para que non se repitan este tipo de casos”, dixo.

Tags: , , , , , ,