Os socialistas denunciamos a voladura controlada dos servizos sociais a través da redución de fondos ao Plan Concertado e a retirada de apoio económico á Teleasistencia

A nosa deputada no Congreso, Laura Seara, ven de dar conta, en rolda de prensa, dunha serie de iniciativas rexistradas no Congreso e no Senado e dunha moción para presentar nos concellos de Galicia, instando ao Goberno de Rajoy a recupera-lo financiamento da Teleasistencia e a incrementa-las partidas destinadas nos orzamentos xerais do Estado de 2013 ao Plan Concertado.

Seara chamou a atención sobre os efectos dos recortes sobre o aumento da exclusión social en Galicia e en Ourense. “O risco de exclusión social é cada día maior, e as cifras de pobreza non deixan de medrar, e neste marco social e económico o Goberno de Rajoy toma unha decisión que será dramática para a provincia de Ourense e para Galicia”, como foi a supresión nos orzamentos do Estado do 2013, da partida destinada á Teleasistencia.

Pero o problema agrávase co Plan Concertado, creado polos socialistas a finais dos 80, coa finalidade de contribuír ao desenvolvemento da prestacións básicas dos servizos sociais. “Ponse en risco a supervivencia do propio Plan Concertado e do propio sistema de prestacións sociais básicas”. Estamos a falar, segundo a deputada socialista, do plan no que se sustentaron os servizos sociais básicos que puxeron en marcha e manteñen os concellos, converténdose nun piar básico da propia economía local.

Seara advirte que, dado que a lei limita o endebedamento municipal “estamos ante o risco que desaparezan os servizos sociais básicos no 95% dos concellos de Galicia, pola imposibilidade de mantelos”.

A deputada socialista subliñou que nos orzamentos do Estado do 2011, se adicaron ao Plan Concertado case oitenta e sete millóns de euros, dos que lle corresponderon a Galicia 7 230 000€. Ademais, “se repartiron con criterios que beneficiaban á nosa Comunidade autónoma e a Ourense”, lembra Laura Seara, pois se tiñan en conta a dispersión da poboación e de número de persoas dependentes.

No 2012, primeiro orzamento que aproba o PP no Goberno, “a partida destinada ao Plan Concertado se reduce case á metade”, denuncia a compañeira, e pasa a corenta e sete millóns de euros, correspondendo a Galicia 3 900000€.

Nos orzamentos do 2013, “parece que lle queren dar o tiro de graza ao Plan Concertado”, xa que os fondos voltan mermar, nun 42% respecto ao ano anterior, e nun 65% respecto ao 2011. Queda pois, segundo as cifras que expoñía a socialista, en vintesete millóns de euros destinados para o conxunto do Estado. A cifra para Galicia se reduce a apenas 2 200 000€, “dez veces menos do que levou Bárcenas a Suíza”, comparou.

Se a este dato se lle suma a desaparición dos orzamentos do Estado da Teleasistencia, o Goberno de España adica oitenta céntimos por galego (a mesma ratio para a provincia de Ourense); e iso “pasa en dous anos e nun momento de crise brutal, que afecta ás persoas máis vulnerables” salienta a deputada, para quen as medidas do PP de eliminar dos Presupostos do Estado a Teleasistencia e reducir á mínima expresión as partidas para o Plan Concertado, supoñen condenar a moitos concellos e comunidades autónomas, e comparables a “pechar hospitais en tempos de epidemia”. Por iso se pregunta a compañeira sobre silencio da Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “que non di nada cando en dous anos rebaixáronlle a Galicia nun 65% os orzamentos destinados ao Plan Concertado e reduciron a cero o destinado a Teleasistencia”.

Seara acusa aos populares de ter deseñado unha“demolición controlada”, usurpando os servizos sociais ás persoas que máis o necesitan e cun dano incalculábel, sobre todo no medio rural, xa que, aínda que os servizos sociais da capital e cabeceiras de comarca teñen uns respaldos técnicos, os numerosos pequenos concellos rurais da provincia, “non poderán manter a prestación de servizos sociais” que viñan ofrecendo a unha poboación moi envellecida, o que preocupa a Seara.

Outra consecuencia directa deste recorte é o paro: xa se está a despedir ao persoal dos concellos galegos pola imposibilidade de mante-las prazas de traballadores sociais. “Ao longo deste ano, estes despedimentos irán a máis”, prognostica a deputada.

O drama esténdese ás ONGs, que están saturadas, porque asumen os servizos que non poden da-los concellos, pero recibindo tamén menos axudas, porque se financian menos programas; “a pescada que morde a cola”, describiu Seara, que se preguntou qué lle fixo ao PP Ourense, porque “tódalas decisións que toman a perxudican: anulan concellos, retiran xulgados, se pecharán oficinas das caixas… a provincia leva camiño de converterse nunha reserva natural”.

Tags: , , , ,