Pachi Vázquez acusa a Rajoy e Feijóo de darlle a puntilla á Galicia interior coa reforma da Lei de Bases de Réxime Local e os incumprimentos electorais

 
O Secretario Xeral Nacional, Pachi Vázquez, responsabilizou a Rajoy e a Feijóo de “facer inviábel” economicamente a nosa provincia, e de empregar a Ourense como “experiencia piloto” de cómo a dereita está “aniquilando” todo o modelo de vida da Galicia interior.

Vázquez asistiu hoxe á reunión da Permanente da Executiva provincial cos Grupos Socialistas na Deputación, Parlamento galego, Congreso dos Deputados e Senado. Acusou a Rajoy e Feijóo de pretender “da-la puntilla” ao interior galego e suprimir de facto os concellos de Ourense a través da reforma da Lei de Bases de Réxime Local, a aprobar polo Consello de Ministros na súa vindeira reunión. Todos, agás a capital provincial, teñen menos 20 000 habitantes, e quedarán suxeitos, de aprobarse o Decreto, á tutela da Deputación, que, no caso de Ourense, é o órgano de menor transparencia, e o que máis dilapida, e que está inmerso nunha investigación polas súas contratacións.

Neste senso, o máximo responsable dos socialistas galegos sinalou que, a partires de agora os socialistas “só falaremos de Baltar a través dos xulgados”, para así “centrármonos nas accións políticas para garantir que a xente poida vivir aquí”, e non teña que emigrar.

O Secretario Xeral do PSdeG salientou que o obxectivo final da reforma da Lei de Bases de Réxime Local é favorecer “a privatización da vida municipal, para converter os servizos en pingües beneficios para os de sempre”.

Vázquez defende a xestión de proximidade dos municipio: “aínda que os queren facer quedar como culpables, os concellos son as vítimas”, cando a culpábel é a comunidade autónoma, “que non lles paga, e que lles retira a capacidade para achega-las prestacións sociais aos veciños e as subvencións para mantemento das infraestruturas”, lembrando tamén que soben, ademais, as achegas económicas que os municipios deberán abordar para evitar que concorran a axudas.

“Presentaremos o dereito da Galicia interior a vivir con dignidade”, dixo Vázquez en referencia ás iniciativas que levarán a cabo os socialistas nos distintos foros institucionais, pois “non se pode culpabilizar aos cidadáns por vivir onde viviron toda a vida”.

A Permanente da Executiva provincial, celebrada esta mañá, estudou o informe de situación da provincia e acordou a acción coordinada nas institucións municipais, provincial, no Parlamento de Galicia, Congreso e Senado. Salientou Vázquez que as políticas do PP da provincia, de Feijóo e de Rajoy, fixeron acadar a Ourense cifras récord de paro, con 30 000 homes e mulleres “que non só non atopan emprego senón que non lles quedan máis alternativas nin saídas laborais que a emigración”. Outra marca histórica acadada é o número de EREs solicitados na provincia.

O compañeiro salientou que tódalas advertencias feitas durante a campaña electoral se están a cumprir: “non só hai unha suba de impostos, senón que tamén hai copago, de medicinas, ortopedia e transporte en ambulancia”, lembrando tamén que o Goberno xa empeza a admitir que botaría a médicos e docentes (recoñeceu o despedimento de 1200), como advertimos os socialistas.

O líder dos socialistas galegos denunciou tamén o peche de xulgados nas cabeceiras de comarca, e a existencia dun plan para concentrar os PACs e servizos de Urxencia, reprobou que Feijóo consinta que os concellos queden sen unha oficina dunha entidade bancaria, e lembrou a paralización en dous compromisos importantes para a provincia e a cidade: a estación intermodal na cidade, e a Alta Velocidade en xeral. Se alguén non “pon pé en parede”, vai iniciarse “un percorrido sen retorno”, prognosticou Vázquez.

Tags: , , , , , ,